Rosana Pérez pide a comparecencia urxente de Soria pola grave situación de Navantia

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou hoxe a comparecencia urxente do Ministro de Industria, José Manuel Soria, para que explique que medidas vai adoptar ante a grave situación de falla de carga de traballo nos estaleiros públicos de Navantia.

Ante a situación xerada pola perda do contrato para a construcción de catro gaseiros para Stream (Gas Natural e Repsol), Rosana Pérez considera que o titular de Industria debe explicar en sede parlamentar que actuacións levou a cabo en política comercial con antelación e co obxectivo de que os gaseiros fosen para Navantia.

Pasividade e inacción

A deputada do BNG opina que a política do Goberno en relación aos estaleiros públicos “non pode ser máis desastrosa. Sobre todo porque chove sobre mollado, porque Navantia leva tempo co problema da falla de carga de traballo e a ausencia dunha política comercial seria por parte do Executivo na procura de contratos para os estaleiros públicos, indica a desidia e o desinterese do Executivo cando están en xogo miles de postos de traballo”.

Rosana Pérez reprocha ao Ministro a “súa inacción, a súa pasividade en relación ao naval, e o feito de que sempre chegue tarde, mal e arrastro aos problemas deste sector”.

Por iso, recalca a deputada do BNG, “é hora de que compareza no Congreso, de que aclare cais foron as súas xestións, se é que as houbo, para que Navantia se puidese facer cos catro gaseiros. E de que informe das intencións verdadeiras do Goberno en relación a Navantia porque non é entendíbel tanto despropósito”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG