O Consello Nacional do BNG manifesta o seu pesar, con emoción e agarimo, pola perda dun histórico militante do BNG e patriota exemplar, Bautista Álvarez, finado o pasado 16 de setembro.
Desde o outono en que xa non estás. Agora que es parte para sempre da terra á que tanto amaches, queremos, compañeiro Bautista, convocarte para o inverno que se achega e sempre que o futuro así o requira.
Ficas, polo tanto, convidado a consellos, asembleas, sobremesas.... Alí onde for preciso combater desleixo e máis rotina, para nunca sucumbir aos acenos da morneza.
Na orde dos traballos: Galiza, punto primeiro. A Patria posíbel desde a loita diaria.
Desde o pouso da memoria, resgataremos a palabra firme, a afouteza necesaria para habitarmos, compañeiro, este tempo de sedento desacougo.
Na certeza de existirmos, de sermos porque un día fuches, asinamos a presente desde este Consello Nacional, teu tamén desde os inicios.