Feijóo debe explicar na Cámara a suposta fraude dos fondos de formación ocupacional que afecta ao PP
O portavoz nacional, Xavier Vence, reclamou ao presidente da Xunta que use o Parlamento e non unha rolda de prensa para dar todas as explicacións necesarias sobre a suposta fraude cos fondos de formación a través de redes clientelares do PP que, a medida que se coñece información, afecta a un número crecente de funcionarios e de institucións.
Agora vemos que a Consellería de Traballo está plenamente enlamada nesa trama de corrupción dos cursos de formación ocupacional que afecta a funcionarios da corda do PP pero tamén a directivos e responsables do PP, subliñou Vence a preguntas dos medios de comunicación.
As informacións sacan a luz unha relación moi estreita entre as empresas de Crespo e os dirixentes populares, mesmo os altos cargos históricos do PP e os auténticos xefes políticos de Feijóo e Negreira como é o caso do presidente do Consello de Estado, Romay Beccaría.
Urxe unha depuración do lixo que inunda as institucións afectadas e, por iso, reiterou a petición do BNG de crear unha comisión de investigación parlamentaria ao entender que o caso Zeta é só a punta do iceberg dun problema de corrupción máis amplo sobre a malversación dun gran volume de fondos que viñeron para a formación ocupacional que se estragaron a través dunha trama de empresas clientelares das familias e das redes caciquís do PP a costa dos recursos públicos.
Non se prestou un servizo auténtico de formación aos traballadores e traballadoras, criticou Vence, senón que os inxentes fondos serviron basicamente para o enriquecemento ilícito desa trama de empresas, moitas ficticias, de amigos do PP e mesmo para financiar ao propio PP. De aí que a comisión de investigación debe ter como obxectivo non só analizar a presunta fraude do caso Zeta, senón do uso dado ao conxunto dos fondos de formación nas últimas lexislaturas.