A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou na Cámara unha proposición non de lei que insta á Ministra de Sanidade e Asuntos Sociais a adoptar unha serie de medidas destinadas a loitar con eficacia contra a violencia de xénero.
Davila, que o pasado mércores acudiu á unha xunta coa Ministra de Asuntos Sociais para abordar a situación da violencia de xénero, rexistrou unha proposición non de lei na que pón de relieve as deficiencias, insuficiencias e os problemas existentes nesta materia a fin de mellorar a protección das mulleres nesa situación.
Así, a primeira cuestión que Davila considera se debe a arranxar é o tema orzamentario. Insta á Ministra a incrementar as partidas dos Orzamentos Xerais do Estado para 2015, cando menos nun 40%, para desenvolver optimamente a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral Contra a Violencia de Xénero. Ademáis, de destinar unha partida aos concellos co obxecto de que poidan garantir os servizos de atención ás mulleres, e contemplar unha partida específica para desenvolver o artigo 3 da Lei Integral, facendo campañas de sensibilización e prevención na educación e na sanidade.
Debe haber máis recursos económicos
A deputada do BNG demanda a Ana Mato consenso con todas as formacións políticas e o ámbito xudicial especializado, as posíbeis modificacións normativas a realizar na Lei Integral de Violencia de Xénero.
Pide Olaia Fernández Davila que a Ministra de Asuntos Sociais teñan en conta as recomendacións e propostas contidas na Memoria da Fiscalía e nos informes do Consello Xeral do Poder Xudicial, poñendo en marcha medidas xa contempladas na lei como a implantación das Unidades de Avaliación Forense Integral, ou a necesidade de abordar os problemas que plantexa o dereito de dispensa da Lei de Enxuizamento Criminal.
A portavoz nacionalista require que se suspendan aqueles cambios normativos nesta materia proxectados noutras leis como a reforma do Código Penal, porque non é o lugar onde facer cambios. Defende Davila que todos os cambios normativos sexan na Lei Integral.
A deputada do BNG sinala que aínda que os balanzos de mulleres asasinadas por violencia de xénero son variábeis, o certo é que non podemos deixar de remarcar o terríbel balanzo rexistrado no pasado mes de agosto. Un total de oito mulleres asasinadas, o que xa constitúe o pior dos últimos cinco anos. Critica Davila os recurtes realizados nos dous últimos anos, que evidencia que se deixou de lado as políticas destinadas a loitar contra esta lacra social.
Afirma a deputada do BNG que se cumpren dez anos da aprobación da Lei Integral de Violencia de Xénero, e non dubidamos de que precise modificacións pero tamén é certo que moitos dos seus apartados non se desenvolveron por falla de recursos. A parlamentar nacionalista alude na exposición de motivos ao feito de que mulleres con ordes de alonxamento fosen asasinadas, tema que debe ser investigado e ao que lle hai que pór remedio.
Asemade, recolle algunhas das propostas e observacións contidas na Memoria de Fiscalía e apuntadas por expertas na materia.