O sistema educativo é o máis poderoso para transformar a sociedade e loitar contra a desigualdade
Olalla Rodil pide á consellería de Educación que se implique na loita contra a violencia machista e que poña en marcha o Plan de Igualdade no conxunto do estudantado en todos os niveis educativos
Tras lembrar a Magdalena Moreira, nova vítima de violencia de xénero asasinada onte en O Porriño, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil destacou a grande importancia do ensino na loita contra a violencia contra as mulleres. Se queremos avanzar na igualdade, a “educación é fundamental para rachar cos vimbios que sosteñen o sistema patriarcal e a violencia de xénero”, afirmou.
Trala comparecencia do conselleiro de Educación Román Rodríguez para informar da situación do ensino non universitario en Galiza, a nacionalista criticou que a consellería “pase de puntillas” por un dos instrumentos máis importantes para transformar a sociedade, porque, dixo, o sistema educativo é “o máis poderoso para loitar contra a desigualdade” e lembrou que os datos oficiais da Materia de Igualdade en Secundaria reflicten a existencia de 30 centros de 1.200 e 800 estudantes de máis de 300 mil. É dicir, “menos do 3% dos centros educativos e o 1% do alumnado” durante dous cursos.
Para a deputada esta realidade pon de manifestou a “minguada implicación” da consellería en materia de Igualdade polo que preguntou que medidas ten previstas para corrixila, si serán revisados os materiais educativos, formado o profesorado e cando poderá ser consultada a páxina web anunciada pola consellería en materia de igualdade.
A maiores, Rodil preguntou ao titular de educación polo número de encontros e foros de discusión sobre liñas estratéxicas para a igualdade e con que resultados.
En definitiva, remarcou, “que se ten feito desde a Consellaría para desenvolver accións transversais como as previstas no Plan de Igualdade, que abrangan o conxunto do estudantado galego, en todos os niveis educativos, desde Infantil e Primaria á Formación Profesional?”, preguntou. Que orzamento foi investido no 2017/2018 e en que accións concretas?. “Unha materia de libre configuración e optativa non vai transformar unha sociedade que oprime ás mulleres polo simple feito de selo”, manifestou.
Rodil aproveitou a comparecencia do conselleiro para interesarse sobre a Formación Profesional, a FP Básica e o abandono dos estudos despois do primeiro curso. En FP Básica , e segundo o estudo de tres investigadoras da USC, en catro cursos trala súa implantación, “o 49% do alumnado matriculado no primeiro curso abandona e non culmina a súa formación”, asegurou.
PLURILINGÜISMO
O BNG, e outras moitas entidades, institucións e colectivos, dixo, denunciamos denunciar os prexuízos do modelo lingüístico do Partido Popular contra a lingua galega e constatamos cos últimos informes publicados pola Real Academia Galega que o ensino constitúe hoxe en día e desde 2010, un elemento “desgaleguizador”.
A parlamentaria aludiu a recente comparecencia da presidenta do Consello da Cultura a pasada semana nesta Cámara: A mocidade "quere o galego" , pero " pérdeo” porque non está presente na educación básica" e "socializan en ámbitos nos que se lles impón o castelán". Igual de clara é a Academia, explicou Rodil, sobre a aplicación do decreto, “un retroceso na presenza da lingua galega retrotraéndoa aos anos 90.
Ese modelo plurilingüe do que vostede saca peito, señor Rodríguez, é un dos principais causantes do “retroceso vivido nos últimos anos”. Tampouco coñecemos os resultados da adquisición de competencias lingüísticas nas linguas estranxeiras, fundamentalmente no inglés, porque ese informe non foi remitido a esta Cámara. “O BNG solicitou esa información en febreiro de 2017 e aínda seguimos agardando, 16 meses levamos agardando”. Teñen algo que esconder? Volveu a preguntar.
Finalmente, a deputada nacionalista tamén aludiu á fenda de xénero na vocación científica e aos dereitos laborais do profesorado galego sobre os que reclamou unha mesa de negociación.