Rocío Mosquera non é quen de rebater diante das preguntas do BNG o informe que cifra en 470 M€ o sobrecusto do Cunqueiro
Luís Bará lamenta o “filibusterismo parlamentario” do PP para impedir o labor dos e das deputadas na busca da verdade sobre os seus chanchullos
O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, lamentou a falta de respostas da ex conselleira de Sanidade Rocío Mosquera ás preguntas que lle formulou na comisión de investigación sobre os chanchullos nas contratacións do PP e, máis en concreto, sobre o sobrecusto de 470 millóns de euros na adxudicación do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
“Non foi capaz de rebater as conclusións do Consello de Contas”, concluíu Bará tras escoitar a Mosquera, que foi titular da Consellería de Sanidade entre 2012 e 2015, ano no que foi destituída por Alberto Núñez Feijóo para “escoitar a sociedade”, tal e como el mesmo recoñeceu naquel momento, despois da masiva mobilización en Vigo contra a súa xestión.
Bará reprochou á ex titular de Sanidade que presentase como “modélico” e “marabilloso” o proceso de licitación, construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro, un relato -agregou- que non se corresponde cos feitos, como demostra por exemplo que o seu sucesor na Consellería, Jesús Vázquez Almuiña, renunciase a aplicar o mesmo modelo en Pontevedra, “ante a presión social e porque o Concello no lle deixou facer semellante falcatruada”, engadiu.
Durante a súa intervención, Luís Bará pediu explicación á ex conselleira do PP sobre as conclusión do Consello de Contas, entre as que figura que o modelo de concesión polo que optou a Xunta naquel momento supuxo ás arcas públicas un subrecusto de 470 millóns de euros. Tal e como apunta o órgano fiscalizador, o modelo escollido de colaboración público-privada -coa adxudicación conxunta de obra e servizos- tivo un custo de 1.698.815.557 euros, fronte aos 1.226.346.135 que implicaría o contrato tradicional e os servizos non sanitarios por separado.
O deputado nacionalista subliñou así mesmo que a redución da superficie hospitalaria tivo incidencia tanto na fase de construción da infraestrutura como no custo da prestación dos servizos, sen que iso reducise o prezo do contrato. Segundo constatou o Consello de Contas, agregou, houbo ademais un recorte das camas previstas, pois segundo o contrato deberían chegar a 2.000 cando en realidade o maior número rexistrado no período fiscalizado por Contas foi 1.366 no ano 2020.
Fronte á versión “modélica” de Mosquera, Bará lembrou que segundo o informe de Contas na adxudicación do Cunqueiro non se respectaron os principios de igualdade de trato, non discriminación, concorrencia e transparencia.
O deputado do BNG lamentou, por outra banda, o “filibusterismo parlamentario” do PP, ao que acusou de ocultar información aos deputados e deputadas do BNG para impedir o seu labor e que os galegos e as galegas coñezan toda a verdade sobre os chanchullos do PP.
Referiuse en concreto ao estudo de viabilidade económico-financeira que a Xunta encargou á consultora PriceWaterhouseCoopers (PWC) sobre o Álvaro Cunqueiro, estudo ao que, malia que chegou hoxe ao Parlamento, non tiveron acceso os deputados nacionalistas.