Recuperemos a xestión pública dos saltos hidroeléctricos da Galiza
- A recuperación da xestión pública evitaría a especulación e beneficiaría a todo o pobo galego
- O BNG pedirá no Parlamento Galego que a Xunta estude a viabilidade dunha tarifa eléctrica galega
As deputadas Olalla Rodil e Noa Presas participaron esta mañá dun acto simbólico no encoro dos Peares. Acompañadas dun grupo de militantes despregaron dúas pancartas nas que se podía ler “Tarifa eléctrica galega” e “Galiza produce, Madrid consume”.
Con esta acción, o BNG quixo amosar que é posíbel actuar desde as institucións para regular o mercado eléctrico permitindo que as galegas e galegos se poidan beneficiar da condición de produtora enerxética de Galiza.
Para exemplificar o nulo beneficio que teñen as poboacións que acollen o impacto da produción Rodil recordou como “hai uns días tivemos que ver como perto de aquí, en Portomarín ou O Saviñao, onde se anegaron parroquias enteiras para construír Belesar, estiveron até 5 días sen luz” para engadir que “con xestión e control público isto non pasaría”.
Neste sentido, Noa Presas engadiu que “estamos nun momento clave. Moitas desas concesións están a piques de caducar e instamos á Xunta a que recupere a xestión pública dos saltos hidroeléctricos mediante unha empresa pública”. Sobre os beneficios que isto xeraría para a poboación, Presas engadiu que “nun momento onde todo o mundo fala de pobreza enerxética desde o BNG queremos sinalar a nosa riqueza enerxética. Este tipo de construcións están amortizadas e é hora de que revertan no ben da veciñanza. O propio goberno recoñeceu nunha pregunta do BNG que só unha destas concesión ten cláusulas sociais, polo que estamos a regalar os recursos a cambio de nada”.
Diante desta situación, o BNG pedirá no Pleno do Parlamento Galego que a Xunta estude a viabilidade dunha tarifa eléctrica galega. Ao respecto, Rodil lembrou que “segundo os últimos datos do INEGA (2012) Galiza exporta un 40% da electricidade e como vemos en Belesar, temos na nosa terra o impacto da produción. Porén, non temos ningún beneficio mentres o Estado acrecenta a carga impositiva da factura”
Pola súa banda, Presas recordou como “de acordo cos cálculos realizados, a fixación dunha tarifa eléctrica galega que permitise compensar o impacto ecolóxico e social causado pola instalación destas infraestruturas suporía unha redución directa do recibo da luz nos fogares e tamén nas empresas por volta dun 30%. Desta maneira, Galiza podería beneficiarse do feito de ser excedentaria de enerxía” ao contrario do que está a acontecer na actualidade onde a veciñanza localizada a carón dos encoros non conta nin con subministro suficiente. “