A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil anunciou hoxe, trala Xunta de portavoces, que o BNG estuda emprender accións contra o informe emitido pola Mesa do Parlamento para “amordazar á Cámara galega”.
“Non imos permitir ningún tipo de mordaza” aínda que o Partido popular quere recuperar a figura do censor da ditadura emitindo un informe “ah doc” e preventivo que prohibe aos parlamentarios e parlamentarias nomear a “corrupción do Partido popular no caso Gürtel”.
A parlamentaria reiterou que a Audiencia Nacional condena ao Partido popular por corrupción e polo tanto o Partido popular é un partido corrupto” ao que sumou unha nova sentenza en Valencia e as que están por vir, dixo.
O BNG estudará as medidas a adoptar contra a “vulneración da liberdade de expresión e os dereitos dos deputados e deputadas” nesta Cámara. Se o Partido popular pensa que a súa “involución” se vai a impor nesta Cámara, está moi equivocado, recalcou Rodil.
O BNG INSTA A FEIXÓO A COLABORAR NO ACOLLEMENTO D@S REFUXIAD@S DO AQUARIUS
Na comparecencia ante os medios de comunicación, a viceportavoz do BNG instou ao presidente da Xunta a poñerse á disposición do goberno do Estado español para colaborar no acollemento das 629 persoas refuxiadas e rescatadas no Mediterráneo que viaxan cara o porto do Valencia no buque Acuarius. “Galiza, dentro das súas posibilidades, debe acoller e reubicar a esas persoas” e lembrou que os galegos e galegas temos unha marcada historia de emigración pero ademais da obriga humana, dixo, “temos unha obriga moral para acoller a estas persoas. O goberno galego debe estar á altura das circunstancias nesta crise humanitaria”.
Rodil enviou a solidariedade do BNG ás persoas refuxiadas a bordo do Acuarios, tripulación, organizacións colaboradoras e ao fotoxornalista galego que tamén se atopa no barco, Oscar Corral facendo, manifestou a deputada do BNG, un “traballo enorme” para dar a coñecer a situación dos inmigrantes e persoas refuxiadas no Mediterráneo. Situación que os estados membros da Unón europeo non queren asumir.
Sobre a orde do pleno da vindeira semana, destacou a pregunta ao Presidente da Xunta sobre o seu futuro inmediato. “Feixóo debe dar explicacións canto antes á cidadanía e aclarar se vai cumprir co compromiso ao fronte do goberno da Xunta ou se vai candidatarse como sucesor de Raxoi.”
Non podemos ter un presidente en “modo de espera” e no banquillo a ver se é titular para saír ao campo de xogo. “Galiza non é unha sala de espera mentres Feixóo alimenta a súa ambición política persoal”. Galiza precisa un goberno que defenda os seus intereses e poña en riba da mesa unha axenda galega para abordala co novo goberno do Estado español como é a transferencia da AP-9, a derrogación da prorroga a ENCE, a creación dunha tarifa eléctrica galega ou a devolución do Pazo de Meirás.
Feixóo presentase como “grande salvador do Partido popular e grande fichaxe como sucesor de Raxoi envolto nunha propaganda de grande xestor pero hai unha cara B e Feixóo levou a Galiza á irrelevancia política nos últimos anos”.
Finalmente, a viceportavoz anunciou que o BNG defenderá unha moción na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras e pedirá explicacións ao Partido popular por non executar “ mil millóns de euros en políticas de emprego”. Ademais dunha pregunta ao goberno sobre a concesión ao proxecto megamineiro no concello de Touro e o Pino despois da manifestación multitudinaria do pasado domingo en Compostela en contra desta decisión