Montse Prado denuncia que o SERGAS reparte material sanitario defectuoso entre o seu persoal
Alerta da distribución de 1.640 máscaras, Presurgy KN95 / FFP2 SHUYIAN defectuosas subministradas en tres hospitais da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés, Montecelo, Provincial e Salnés, das que 575 foron utilizadas, tanto en salas COVID como en salas non COVID.
Exixe que o material sexa previamente “verificado” e medidas que garantan a protección das profesionais con material adecuado en calidade e cantidade.
A deputada do BNG, Montse Prado pregunta ao goberno galego "até cando á Xunta de Galiza vai seguir poñendo en risco a saúde e a vida dos e das profesionais da sanidade pública?"
A pandemia ocasionada pola COVID-19, explica a nacionalista, puxo ao límite o noso sistema sanitario e sobre todo, evidenciou a necesidade de investir en saúde porque “os continuos recortes de recursos económicos e humanos, non poden volver a repetirse”.
A primeira lección que nos deixa esta crise, recalca Prado, é a constatación de que o máis valioso da sanidade pública “é o seu persoal, e os magníficos e magníficas profesionais, que outra vez máis, volveron a dar o mellor de si arriscando a súa vida e saúde para garantir a saúde da poboación”. Sen ambargo, dous meses despois de decretarse a emerxencia sanitaria e o estado de alarma, “continúan as deficiencias que aumentan o risco de contaxio e inseguridade”.
Máscaras defectuosas para persoal sanitario
A parlamentaria do BNG explica que sigue sendo motivo de preocupación e denuncia que a día de hoxe, o persoal continúe sen material de protección suficiente e axeitado contra o risco de contaxio da Covid-19, e sen a realización de test masivos para todo o persoal. As alertas por materiais que non cumpren co nivel de protección especificado, especialmente as máscaras, empezan a ser habituais e tras a situación xerada no CHUO e nas ambulancias, encontrámonos con novas denuncias. A última, explica Prado, a referida ás máscaras Presurgy KN95 / FFP2 SHUYIAN que foron identificadas como defectuosas e das que foran subministradas 1.640 entre os tres hospitais da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés, Montecelo, Provincial e Salnés. Desa cantidade, inmobilizaronse, 1.065 tras a alerta sanitaria pero “575 foron utilizadas, tanto en salas COVID como en salas non COVID. E o grave é que esta situación repítese por da terceira vez”, afirma deputada do BNG.
É preciso, que de inmediato sexan aplicadas medidas para garantir a protección das profesionais para minimizar os contaxios con dotación de material adecuado, tanto en calidade como cantidade e que se impida a distribución de “material antes de verificar a súa idoneidade”. Tamén é necesario poñer en marcha protocolos en cada unidade e servizo, baseados na evidencia científica, no risco de contaxio, e non en base á disposición de material. Todas estas medidas deberán ir acompañadas da realización de test a todo o persoal sanitario.
“Está moito en xogo” e non podemos tolerar que a vida e a saúde dos e das profesionais sexan sometidas ao risco diario de contaxio pola falta de material idóneo. “A Xunta ten a obriga de velar pola seguridade do persoal sanitario e as denuncias demostran que non o está a facer, a pesar da gravidade da situación”.