A portavoz de Pesca, Montse Prado, criticou a incapacidade da Xunta para defender os intereses da frota galega no marco da negociación das cotas de pesca e do total admisible de capturas que propón a Comisión Europea para 2019, repetindo a mesma escenificación de pretender pasar como éxito o que non é máis que outra volta de torca ao sector, con novas reducións na súa capacidade de pesca traendo a Cámara unha proposta pechada que xa foi negociada e presentada en Madrid.
“Ven a este Parlamento a que señora conselleira”, interpelou Prado, tras lembrar que “Galiza é o país que máis peso relativo perdeu en pesca dentro da UE por decisións tomados desde Madrid e desde Bruxelas que, desde sempre, someteron á frota galega a unhas condicións leoninas baixo criterios prexudiciais nunca revisados”, indicou Prado na súa intervención de réplica á conselleira do Mar.
“O modelo de cotas e de TACs demostrouse demoledor para o mantemento do emprego en Galiza. Un informe do Consello Galego de Pesca indica unha caída da frota do 20% entre 2004-2014 por déficit de cota ou abanderamento noutros países, e a perda de 3.369 persoas afiliadas á seguridade social no sector pesqueiro e da acuicultura”, explicou.
Prado salientou que este país carece dunha cota de pesca acorde ao tamaño da súa frota, e puxo como exemplo o feito de que o Estado español dispón do 9,6% das cotas do Gran Sol e o 22,6% da frota, mentres que Francia que ten un 9,6% da frota dispón dun terzo da cota de pesca neste caladoiro.
A deputada do Bloque atribuíu este reparto prexudicial para Galiza “á falta de peso político” do Goberno da Xunta que, ademais, toma partido pola pesca industrial en detrimento da pesca artesanal. “Non son capaces de exercer peso político para facer valer os dereitos da pesca artesanal galega, que é a crea rendas e xera emprego no litoral, traballan só para a pesca industrial e o gran capital”, denunciou, e tampouco se ten en conta á hora do reparto de cota se o produto se utiliza para consumo humano ou se vai para a elaboración de produtos procesados como fariñas.
Prado preguntou á titular da Consellería do Mar se a proposta de reparto de cota de pesca para 2019 que propón a Comisión Europea “corrixe e compensa a redución de esforzo pesqueiro que fixo a nosa frota para adaptarse aos plans impostos polo poder económico, que tivo consecuencias brutais. Vai esixir compensacións e que se reverta esa situación en lugar de que se acepte un criterio que sigue esixindo a redución de capacidade pesqueira para Galiza?”, interpelou sen obter resposta.
O BNG denuncia que o reparto segue a facerse en función dos intereses dos Estados e non das realidades pesqueiras, primando a pesca industrial do norte en detrimento da pesca artesanal, un modelo que deixa sen dereitos ás comunidades pesqueiras, “unha PPo liberal que o PP non cuestiona pero que deixa a maior parte das cotas de pesca en mans dun puñado de armadores e os dereitos de pesca aos Estados membros”, concluíu Prado.