O deputado do BNG, Luís Bará reclamou hoxe a colaboración do Goberno galego no programa de identificación das vítimas da fuga do forte de Ezkaba, a través cunha proposición non de lei que o Partido popular rexeitou.
O nacionalista acusou ao Partido popular de practicar un “dobre discurso” sobre a memoria histórica e restitución de vítimas do franquismo. Por un lado, dixo, o PP di condenar o franquismo pero na práctica, “nega calquera medida para localizar, exhumar e homenaxear ás vítimas do franquismo”. Hoxe, afirmou, tivemos unha nova mostra dese “fariseísmo” na comisión 1ª na que reclamamos a colaboración do Goberno galego co Goberno de Navarra para a recollida de mostras dos familiares galegos desaparecidos na fuga de Ezkaba, o 22 de Maio de 1938.
Na súa intervención, Bará explicou que na fuga foron asasinados 54 galegos e o Goberno de Navarra puxo en marcha un proxecto para a localización e exhumación dos desaparecidos coa creación dun bando de ADN. Desde o compromiso do BNG para restituír a memoria de todas as vítimas do franquismo, solicitamos do Goberno galego unha partida para colaborar na recollida de mostras así como o traslado a Galiza para un “enterramento digno”.
Para o deputado, está colaboración atinxe máis á “humanidade” que á propia política da Memoria histórica e hoxe, recalcou, o Partido popular votando en contra da proposta, volveu a demostrar que non quere honrar ás vítimas, nin quere respectar ás familias afectadas.