A Eurocámara aproba a proposta do BNG de crear un visado humanitario para as persoas refuxiadas

Ana Miranda rescate Astral
Ana Miranda rescate Astral

Ana Miranda congratúlase de que esta iniciativa saia adiante co obxectivo de “salvar vidas e non criminalizalas” e combater a “Europa fortaleza”

A Comisión de Liberdades Civiles, Xustiza e Asuntos de Interior do Parlamento Europeo, da que é membro a eurodeputada do Bloque Ana Miranda, aprobou hoxe un proxecto piloto para crear un novo instrumento legal, o Visado Humanitario Europeo, que facilite o paso seguro ás persoas refuxiadas que queiran solicitar asilo.

“Con esta proposta queremos reducir as mortes no mar e proporcionar vías seguras de entrada, xa que o sistema de asilo europeo actual só permite que as solicitudes de asilo sexan administradas solamente polo primeiro país de entrada”, explicou Ana Miranda, quen defende que “xa abonda da Europa fortaleza que pecha as portas a seres humanos en risco de morte”.

A Unión Europea conta actualmente cun Regulamento sobre o asilo que só se aplica ás persoas que chegan ao territorio da UE e tramitaran solicitude de asilo, máis que non garante unha entrada segura en territorio europeo. Precisamente a proposta presentada pola eurodeputada do BNG en representación do grupo Verdes-ALE, conxuntamente defendida pola eurodeputada sueca Bodil Valero (Verdes-ALE), a francesa Marie Christine Vergiat (Front de Gauche, GUE-NNGL) e o español Fernando López Aguilar (PSOE), foi aprobada por ampla maioría da Comisión.

Ferramenta xurídica

Este proxecto piloto, integrado nas emendas ao orzamento comunitario de 2019, prepararía a posta en marcha dun Visado Humanitario Europeo (VHE), é dicir, a ferramenta xurídica que proporcionaría ás persoas refuxiadas unha vía de entrada segura, xa que se podería solicitar directamente dende un terceiro país, e garantiría a seguridade das persoas, legalidade e control fóra das mafias.

“A crecente externalización do control migratorio da UE e a criminalización da migración irregular ten como consecuencia que as únicas vías de entrada posibles, ademais de ilegais, son perigosas e cun alto nivel de sinistralidade”, sinala Ana Miranda ao respecto da situación que ela mesmo viviu durante embarcada coa ONG Proactiva Open Arms no Mediterráneo, fronte as coas de Libia.

A eurodeputada do BNG lembra que o sistema de asilo europeo actual só permite que as solicitudes só poidan ser administradas polo primeiro país de entrada. Pola contra, a iniciativa aprobada hoxe prepararía o instrumento legal para que persoas refuxiadas soliciten protección humanitaria internacional en calquera consulado ou embaixada de calquera Estado da Unión Europea e que no caso de ser autorizada, poidan viaxar ao territorio dese Estado de forma segura, legal para tramitar a solicitude de protección humanitaria internacional.

Miranda lembra que o Parlamento Europeo instou a aplicar os visados humanitarios no contexto da crise humanitaria, e en especial despois das mortes continuas no Mediterráneo. A eurdeputada galega insiste na necesidade de frear a criminalización dos barcos que rescatan vidas e contra o populismo que criminaliza a migración.

Os grupos asinantes congratúlanse deste primeiro chanzo cara un Visado Humanitario Europeo. “Abonda coa Europa fortaleza que pecha as portas a seres humanos en risco de morte, abonda coa criminalización, temos que ser solidarios con estas persoas e o visado humanitario pode salvar moitas vidas”, afirmou Ana Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG