A Consellería do Mar que actuou de mala fe denegando as axudas aos proxectos iniciados polas confrarías
Montse Prado pide o abono dos salarios de seis meses adebedados ao persoal de vixilancia e biólogos e biólogas e revocar a orde de axudas que denega proxectos iniciados no mes de xullo polas confrarías de Rianxo, Carril, Vilaxoán, Ferrol, Barallobre e Asociación de redeiros da Ría de Arousa
A deputada e portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado acusou hoxe á consellería do Mar de “actuar de mala fe denegando as axudas ás confrarías de: Rianxo, Carril, Vilaxoán, Ferrol, Barallobre e a asociación de redeiros da Ría de Arousa para a contratación de persoal de labores de vixilancia así como de biólogos e biólogas.
DESPEDIDOS DAS CONFRARÍAS POR FALTA DE RECURSOS
A consellería, explicou a deputada, era coñecedora, dende mediados do ano 18, que moitos proxectos serían denegados pero actuou “con mala intención” e non informou ás confrarías. Para as confrarías, este proceder representa unha “quebra do principio de confianza”. Por outra parte, engadiu, a falta de recursos das confrarías provocou xa cinco despidos na confraría de Barallobre e un na de Aldán.
Prado insistiu en que a crítica situación económica das confrarías é consecuencia da decisión da consellería do Mar que se ampara nos Fondos Europeos do Mar e da Pesca, FEMP como escusa. As ordes de axuda, explicou, a nacionalista, fixéronse públicas o 7 de setembro para proxectos iniciados no mes de xullo e a comunicación denegando as axudas prodúcese no mes de decembro. As confrarías asumiron os salarios, durante seis meses das persoas que realizan os proxectos que non son propias das confrarías e que son competencia da consellería do Mar, afirmou a deputada do BNG.
A finais de decembro, reiterou a Consellaría do Mar notifícalles ás confrarías de Rianxo, Carril, Vilaxoán, Aldán, Ferrol e Barallobre que non admite a trámite as solicitudes que tiñan presentado, e que son destinadas a pagar ao persoal de servizos de vixilancia e asistencias técnicas, biolog@s. Con estas actuacións contribúen á xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, que permitan mellorar as condicións de vida e de traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e das súas especies, finalidades e obxectivos que realizan por “delegación” da Consellaría do Mar que ostenta a titularidade das competencias.
Para a deputada, as denegacións presentan “dúbidas e irregularidades” polo que cuestionou as verdadeiras razóns polas que foron aceptados algúns proxectos e outros non. Na súa opinión, queda en entredito “a igualdade de oportunidades” ademais dunha interpretación “desproporcionada e descontextualizada” dos criterios que regulan a aplicación dos fondos FEMP.
Coa decisión de denegar estes proxectos a Consellaría do Mar está a causar un moi grave prexuízo económico ás confrarías afectadas, en primeiro lugar polo extemporánea da convocatoria e da comunicación, xa que se levan executado máis da metade dos meses dos proxectos e polo tanto asumido o custe por parte das confrarías, que non van dispoñer de recursos para asumir eses labores, como a confraría de Rianxo que deixará de percibir 80.000 euros, e polo tanto, “perda de postos de traballo, traballo desenvolvido por profesionais, así como o seguimento dos proxectos e control do furtivismo e capacidade produtiva”. O resultado final será que algunhas delas veranse abocadas a un “peche seguro”
Ante esta situación, a deputada reclamou ao goberno realizar accións para revogar a denegación dos proxectos, sinatura dun convenio, e unha nova orde de axudas que doten ás confrarías de Rianxo, Carril, Vilaxoán, Aldán, Ferrol e Barallobre dos recursos económicos similares aos que tiñan previsto percibir polos proxectos presentados á Orde do 7 de setembro pola que se establecían as bases reguladoras xerais e se convocaban para 2018, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos financiados polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca (FEMP) que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos ecosistemas, así como do fomento da sensibilización ambiental.
A parlamentaria reiterou que a consellería do Mar non amosou “ningunha intención” de buscar unha alternativa ao problema sobre o que ten competencias, concluíu.