O BNG solicita 80 comparecencias plurais e solventes para abordar a situación da sanidade

Ana Pontón

Pontón: “Pedímoslle ao PP que permita investigar sen vetos para recuperar unha sanidade pública libre de recortes e privatizacións”

O Plan de traballo para investigar o accidente do Marisquiño pide a colaboración das tres administracións: Porto, Concello e Xunta, coas declaracións de López Veiga, Abel Caballero e Feixóo.

O BNG ven de rexistrar no Parlamento o plan de traballo que recolle as comparecencias e a solicitude de documentación de cara á Comisión de investigación sobre a sanidade pública e da Comisión de investigación do accidente do Marisquiño. A formación nacionalista encara estas comisións coa vocación, nun caso, de mellorar o sistema público de saúde, reverter as consecuencias dunha década de recortes e privatizacións do PP, e noutro caso, para garantir a seguridade nos espectáculos públicos masivos.

En relación á investigación da sanidade, insta ao PP a permitir traballar “sen vetos nin restricións, se é verdade que nada ten que agochar, e que non caia na tentación de utilizar o rodillo para boicotear o funcionamento da comisión como ten feito noutras ocasións”, demandou a portavoz nacional, Ana Pontón. “A comisión é unha ventá aberta para recuperar unha sanidade pública libre de recortes e privatizacións, porque coa saúde das persoas non se xoga”, recalcou.

“O plan de traballo recolle cerca dun cento de comparecencias, co fin de ter unha visión plural e solvente, ampla e ao mesmo tempo detallada, da situación da sanidade pública”, explica a líder do Bloque, “voces de todos os colectivos e de todos os ámbitos relacionadas co sistema sanitario, queremos escoitar a todas as persoas que teñan algo importante que dicir, que teñan aportacións ou propostas que facer, cun único obxectivo: Recuperar unha sanidade pública libre de recortes e privatizacións”.

En relación á comisión de investigación do Marisquiño, o BNG busca dous obxectivos. En primeiro lugar, aclarar a realización dun evento ao que asistiron miles de persoas nun lugar que estaba en mal estado de conservación e, por tanto, non reunía as necesarias condicións de seguridade. Asunto no que é preciso esclarecer as responsabilidades políticas. E, en segundo lugar, aprender como xestionar a celebración de grandes eventos públicos para evitar que nunca máis volva repetirse un accidente destas características.

Comparecencias en Sanidade

O tráxico incidente do PAC da Estrada motiva petición de comparecentes, entres eles, o portavoz do falecido, Manuel Pereira; o coordinador do centro de saúde da Estrada, Juán Sánchez, ou a xerente da EOXI de Compostela, Eloína Núñez.  Un segundo grupo de declarantes en relación ao caso da Hepatite C, empezando pola entón conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, e polos responsables no momento do conflito da Asistencia Sanitaria e de Farmacia do SERGA, Félix Rubial e Carolina González.

Os colectivos profesionais e de doentes como @s responsables dos sindicatos con presenza na sanidade, -CIG-Saúde, CCOO, UGT, CSIF, STASE, entre outras-, a Plataforma SOS Sanidade Pública ou o presidente do Consello galego de Colexios Médicos, José Luís Jiménez. Na parte do Executivo, pide que acuda a comisión o presidente da Xunta, o conselleiro de Sanidade, o xerente do SERGAS, os de todas as EOXIs. Completase con comparecencias de todas as especialidades asistenciais.

A situación de Povisa tamén suma varias comparecencias, entres elas a do propietario José Silveira e de novo Rocio Mosquera como ex xerente deste hospital privado.

Listas de espera, actas, e auditorías

En relación á documentación, solicita o resultado da investigación da morte dun doente no PAC da Estrada, informes da situación de todos os servizos privatizados, das derivacións a centros privados, listas de espera xerais e por especialidades e a situación real do cadro de persoal do SERGAS.

Tamén toda a documentación financeira de Povisa, as súas contas anuais e as correspondentes auditorías. En relación ao caso da Hepatite C, solicita coñecer a denuncia presentada pola Fiscalía por non dispensar medicamentos a persoas con esta doenza así como as actas das reunións da subcomisión creada neste caso e os correos enviados desde responsables do SERGAS aos centros hospitalarios.

Porto, Concello, Xunta, empresa

No caso da investigación do accidente do Marisquiño, solicita a comparecencia dos máximos responsables das tres administracións implicadas: Enrique López Veiga, Abel Caballero e Núñez Feixóo, así como os responsables da empresa organizadora do evento. Ademais dun elenco de técnicos relacionados coas infraestruturas do porto vigués e, por suposto, representantes das persoas afectadas. E entre a documentación, plans de porto, plan de protección da empresa organizadora e toda a documentación das distintas administracións relacionadas coa autorización do evento.