O BNG reclama unha Tarifa Eléctrica Galega nun acto simbólico no encoro Barrie de la Maza
Baixo o lema “Galiza produce, Madrid consume, Tarifa galega”, demanda unha compensación para os concellos que soportan as instalacións de Unión Fenosa e unha tarifa eléctrica propia que beneficie a todos os galegos e galegas
Nunha acción simbólica no encoro Barrié de La Maza, situado entre os concellos de Brión e Negreira, o BNG volveu reclamar hoxe “unha tarifa eléctrica propia ” para beneficiar ás persoas consumidoras e incentivar o asentamento de novas industrias no territorio galego.
Baixo o lema “Galiza produce, Madrid consume, Tarifa galega” varios membros do BNG despregaron tres pancartas nas instalacións do encoro Barrié de La Maza nun acto reivindicativo no que tamén participou o deputado, Xosé Luís Rivas,(Mini).
Rivas explicou que o encoro Barrié de La Maza, ao igual que corenta máis en toda Galiza, foi froito dunha imposición franquista que “asolagou terras, pagou expropiacións de miseria e incitou a emigración no noso país.” O único fin desta explotación era a obtención de grandes beneficios económicos por parte de Unión Fenosa en pago ás axudas de Barrié de la Maza a Franco.
Rivas recalcou que os recursos galegos foron “espoliados” negándolle a Galiza a capacidade para aproveitar a súa riqueza mentres eran industrializadas outras zonas do Estado español. No ano 2007, engadiu o nacionalista, o Goberno español tomou a decisión de rebaixar os impostos que abonan as eléctricas, a pesar dos grandes beneficios que obteñen e denunciou que as veciñanzas dos concellos de Brión e Negreira non reciben ningunha compensación por esta explotación.
No transcurso do acto simbólico organizado polo BNG, o deputado tamén denunciou que en Galiza, a pesar de ser produtora de enerxía eléctrica e cun excedente do 40%, os galegos e as galegas “pagamos unhas tarifas altísimas” polo que defendemos, afirmou que “pobos afectados por este tipo de instalacións sexan compensados e que Unión Fenosa volva a pagar o que lle correspondía polo IVA e a relación catastral en beneficio dos veciños e veciñas de Brión e Negreira”.
O BNG DEMANDA UNHA TARIFA ELÉCTRICA PROPIA PARA GALIZA
Ante un numeroso grupo de militantes e simpatizantes do BNG, Xosé Luís Rivas volveu a reclamar “unha tarifa eléctrica propia para Galiza” atendendo aos verdadeiros custes de produción e que está sexa máis barata e en beneficio das persoas consumidoras para que a riqueza de Galiza “reverta sobre o pobo galego”.
A maiores, manifestou que unha tarifa eléctrica propia atraería industrias ao noso país e sobre todo sería a garantía dun subministro eléctrico para toda a poboación, sin discriminación”. Que ninguén, remarcou Rivas, “quede sen a enerxía eléctrica básica para a vida por carecer de recursos para pagar o recibo”, concluíu.