O BNG propón reforzar a atención primaria con 200 millóns e dar estabilidade ao persoal sanitario

Pontón critica a improvisación da Xunta, pide a intervención das residencias e o traslado das persoas maiores afectadas por COVID-19 a un centro hospitalario

Acusa ao “telepresidente” Feixóo de deslealdade e de pretender gobernar desde a TVG mentres amordaza ao Parlamento e rexeita a man tendida do BNG nesta crise

A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou a intervención no Parlamento denunciando a falta de respecto do presidente da Xunta coa sede da soberanía nacional, onde se nega a comparecer substituíndo o control da Cámara por comparecencias na televisión pública, mentres usa o rodillo do PP para amordazar ao Parlamento.

“Non se pode gobernar Galiza desde a pantalla da TVG, este país non pode ter un telepresidente que imparte homilías desde a televisión pública pero se nega a dar explicacións na Cámara”, denunciou Pontón, que acusa ao presidente da Xunta de “aproveitar a crise de xeito partidista”.

Desde a declaración do estado de alarma o 14 de marzo, “o telepresidente Feixóo compareceu 19 veces na TVG e só unha no Parlamento”, lembrou ao tempo que citaba ao xefe de filas do PP, Pablo Casado: “no réximes bananeiros estílase a propaganda pública en televisión para culto do líder, pero nas democracias parlamentarias as mensaxes á nación diríxense desde o Congreso”. “Segundo Casado, Feixóo actúa como se estivese nun réxime bananeiro, e Galiza merece un presidente que actúe como nunha democracia máis avanzada”, alegou.

Nese sentido, o BNG pide que o presidente da Xunta compareza no Parlamento unha vez a semana mentres dure a crise “para recoller as ideas, as propostas e tamén as críticas construtivas dos partidos políticos. Para coller a man tendida do BNG desde o primeiro día desta pandemia, para sumar, para colaborar, para remar na mesma dirección co obxectivo de saír canto antes desta crise”, recalcou.

Pontón lamentou a falta de autocrítica do Goberno na xestión sanitaria da pandemia, en particular nas residencias da terceira idade. “Non hai motivo para o triunfalismo nunha pandemia que deixa xa 470 persoas falecidas e que tamén deixou ao descuberto as consecuencias dos recortes e das privatización da sanidade pública á hora de xestionar unha crise sanitaria”, indicou. Ademais, faltou previsión e anticipación pese a que o coronavirus chegou aquí máis tarde, un tempo “moi valioso” que a Xunta estragou con decisión erráticas e mesmo equivocadas, como a de non blindar Galiza.

No ámbito sanitario, o Bloque volveu pedir un protocolo propio para a utilización das máscaras, “a Xunta non pode poñerse de perfil”, e reclamou a súa distribución gratuíta entre a poboación porque así o recomenda a OMS. E puxo o foco en dous aspectos: a situación da Atención Primaria e as residencias de maiores.

No primeiro caso para advertir que, tras a década de recortes do PP, a atención primaria está hoxe “no chasis” e, polo tanto, urxe un plan extraordinario de reforzo da porta de entrada ao sistema público de saúde, sobre todo agora que se anuncia que a atención primaria vai ter un papel de primeira liña na loita contra o coronavirus.

Neste sentido, propuxo un Plan de reforzo da atención primaria dotado cun mínimo de 200 millóns de euros que permita dotar aos centros de saúde do persoal e dos medios suficientes. “A atención primaria vai ter unha sobrecarga e unha complexidade na asistencia que precisa de persoal e medios, deben abrirse todos os centros salvo casos excepcionais e o persoal da AP non pode utilizarse para prestar atención hospitalaria”, explicou, “ao que se suma o feito de que estes centros teñen que seguir dando resposta asistencial ordinaria ás persoas usuarias”.

Precariedade laboral tamén con pandemia

A líder nacionalista denunciou a precariedade laboral que soporta o persoal sanitario, en todos os niveis asistenciais, e foi moi crítica co Goberno galego que, mesmo no medio dunha pandemia, está facendo contratos por días e por semanas e despedindo a persoal que está combatendo o virus se resulta contaxiado. “O aplauso desde os balcóns si, pero o mellor aplauso e recoñecemento os traballadores e traballadoras da sanidade pública é defender os seus dereitos con contratacións estables”, recalcou.

En relación ás residencias, o Bloque volveu reclamar a intervención pública de todos os centros nos que se atende ás persoas maiores, que viviron situacións dramáticas durante a pandemia por falta de anticipación e de previsión pese a tratarse dun colectivo especialmente vulnerable. Coa residencia de Celanova como zona cero dos contaxios, “unha residencia na que aínda hoxe segue con problemas”, Pontón demanda da Xunta o traslado de todas as persoas residentes afectadas polo coronavirus a un centro hospitalario, porque non hai nada que impida esta posibilidade “e porque é nun hospital e non nunha residencia onde poden recibir a mellor asistencia sanitaria posible”.

“Que fallou para que non se puidese atender como é debido o problema sanitario xurdido nas residencias? Non houbo previsión pese a ser obvio que ían necesitar medidas excepcionais, non se interviron todas as residencias, non se realizaron test masivos aos usuarios e ao persoal, non se lles deu de medios suficientes a tempo. Cuestións que ten que contestar”, interpelou Pontón na comparecencia do conselleiro de Sanidade. E, desde logo, conclúe, “agrupar en dúas residencias centros ás persoas afectadas non foi a mellor opción, e deben ser trasladados a centros hospitalarios”.

Pontón utilizou a réplica para insistir na distribución gratuíta das máscaras entre a poboación, para pedirlle a Feixóo que pacte coas forzas galegas unha desescalada específica para Galiza e volveu a ofrecer a colaboración do BNG ante unha crise sen precedentes no sanitario, o económico e no social.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG