O BNG pide restitiuír os acordos de 2008 para recuperar as condicións laborais do persoal do SERGAS
Montse Prado acusou ao Partido Popular de “maltratar” ao persoal do SERGAS e ampararse na crise económica para aplicar recortes de dereitos salariais e laborais que deben ser restituídos
A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha proposición non de lei para restituír as condicións laborais e salariais do persoal do SERGAS recollidos nos acordos do ano 2008 e suspendidos no 2010. O persoal da sanidade, afirmou, a nacionalista é “un dos peores pagados do Estado”.
Prado demandou do Sergas aplicar as melloras laborais pactadas co persoal da sanidade pública e recollidas nos acordos derivados da negociación colectiva na Mesa Sectorial de Sanidade, pero que quedaron suspendidos “dentro da folla de ruta de recortes executada polo PP durante estes anos” e baixo a escusa da crise económica. Prado aproveitou para denunciar que o Partido popular enganou ao persoal da sanidade ao comprometerse a retomar os acordos trala superación da crise. Os acordos foron paralizados no ano 2010 e estamos no 2018 pero o “goberno do Partido popular segue sen vontade de cumprilos ”, manifestou.
Montse Prado demandou implantar o acordo retributivo, 2012-2018, activar a carreira profesional e a equiparación salarial do persoal dos PACs, “obrigados a asumir as quendas do resto dos profesionais sanitarios en período estival”.
Para a deputada, o SERGAS “está abandonando ao persoal”, o Partido popular “maltrata ao persoal”, polo que reclamou iniciar a negociación da mesa sectorial dos acordos conxelados dende o ano 2010.
Trala intervención do portavoz popular, Miguel Tellado, a nacionalista acusou ao PP de inaugurar “a campaña da mentira dos datos” e recalcou que o persoal do SERGAS é un dos “peor pagados do Estado”. Neste sentido, lembrou que recentemente unha representación da sección CIG-Saúde, da Confederación Intersindical Galega rexistrou no Parlamento 7.000 sinaturas de traballadores e traballadoras da Sanidade Pública para demandar unha negociación da mesa sectorial do Sergas cara conseguir un plan para recuperar os acordos suspendidos no ano 2010.
A deputada lamentou que o Partido popular votara en contra da iniciativa nacionalista para recuperar os dereitos laborais e salariais do persoal da sanidade pública galega.