A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada nacionalista, Noa Presas anunciou que BNG reclamará unha “nova declaración de impacto ambiental” se é retomado o proxecto mineiro Man da Moura.
INDUSTRIA CONFIRMA AO BNG QUE A DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL É DE 1997
En resposta á pregunta formulada pola deputada do BNG sobre as previsións do Goberno para retomar o proxecto mineiro, o director Xeral de Enerxía e Minas, Xosé Bernardo Tahoces confirmou que o Procedemento de caducidade da concesión está iniciado e que a única declaración de impacto ambiental é do ano 1997.
Para a deputada, este dato confirma a “necesidade dunha nova declaración medio ambiental” dunha zona de “valor patrimonial” coa existencia de xacementos arqueolóxicos.
Por outra parte, Presas trasladou ao Parlamento a preocupación da veciñanza dos concellos de Ribadavia, Carballeda e Melón ante as consecuencias do proxecto mineiro nas “augas subterráneas” para o abastecemento de auga destes concellos.
Ante a falta de información e transparencia da Xunta de Galiza, que “nin contestou aos concellos afectados de Ribadavia, Carballeda de Avia e Melón nin aos grupos parlamentares”, a deputada denunciou que a Xunta “causou un alarmismo innecesario”
Para o BNG, dixo, é preciso que sexa remitida a documentación da declaración ambiental para confirmar os requirimentos en canto á restauración ambiental e se “existe algún tipo de fianza” e con que contía. Unha información, engadiu Presas que a Xunta non facilitou e que resulta fundamental no caso de que o proceso de caducidade non avance. No suposto de retomar o proxecto mineiro, o BNG, remarcou a nacionalista, pedirá “unha nova declaración que sexa esixente coa prevención e a rexeneración e que busque o consenso veciñal”.