O BNG insta ao Goberno a parar o desmantelamento da Axencia Tributaria mentres non teñamos a propia da Galiza
Noa Presas pide a permanencia das unidades da AEAT de forma suficiente e descentralizada ao longo do territorio galego mentres non haxa unha facenda galega propia e garantir á atención presencial ás persoas usuarias
A deputada do BNG, Noa Presas preguntou hoxe ao goberno galego que accións vai emprender contra o “desmantelamento encuberto” da atención da Axencia Tributaria en Galiza e instou ao goberno galego a mediar ante o goberno do Estado para garantir a presenza das unidades e atención ás persoas usuarias “mentres en Galiza non contemos cunha facenda propia”, manifestou.
Os datos, dixo Presas “son alarmantes”, un 37% do recorte de persoal entre os anos 2000 e 2017 reduciu de maneira drástica a capacidade de atención ao público, insuficiencia na atención telefónica e trámites que por seguridade e confidencialidade non se poden facer por teléfono.
Por outra parte, a práctica de pedir cita previa para calquera tipo de xestión obriga ás persoas usuarias a desprazarse. A estratexia é clara, apuntou Presas “empeorar o servizo cada vez máis e forzar a que cada usuario ou usuaria acabe indo a unha xestoría particular”.
Esta situación , engadiu, provoca graves consecuencias na poboación rural e a longo prazo pon en risco a atención dos servizos públicos como xa acontece en Santiago coa derivación de usuarios e usuarias a Coruña. “A atención presencial segue a ser unha necesidade que non se pode eliminar e representa un dereito que debe estar garantido polos poderes públicos”, recalcou a deputada.
Ademais, tamén preguntou se a Xunta avaliou a necesidade de asumir, a través da ATRIGA, máis competencias en materia tributaria e si considera que a “rexionalización” dos servizos e funcións distribúe de forma adecuada a carga de traballo entre o cadro de persoal e entre as localidades do territorio, concluíu.