O vindeiro xoves 24 de maio o Parlamento Europeo acollerá unha conferencia sobre os ataques que se están producindo contra a liberdade de expresión e de prensa en Europa, nomeadamente no Estado español. Esta iniciativa, impulsada polo BNG e o grupo Verdes – ALE (do que forma parte), está coordinada pola eurodiputada nacionalista Ana Miranda e contará cunha nutrida representación de escritores, músicos e xornalistas de Galiza e do Estado que foron ou están sendo perseguidos ou condenados por manifestar publicamente as súas ideas.
O escritor Suso de Toro; a directora de Público Ana Pardo de Vera; o comité da CRTVG; o xornalista Aníbal Malvar; a actriz Isabel Risco; o corresponsal de Libération Jean Quatremer; a autora do informe da Eurocámara sobre “Pluralismo e Medios de comunicación” Barbara Spinelli; así como Pablo Hásel; os xornalistas Beatriz Talegón e BoroLH; membros de La Insurgencia e o grupo de apoio ao rapeiro Valtonyc son algúns dos nomes xa confirmados.
A conferencia – respaldada ademais de por Ana Miranda, polo eurodeputado húngaro Benédek Jávor, a eurodiputada verde holandesa Judit Sargentini, os cataláns Josep-Maria Terricabras e Jordi Solé estará articulada en cinco bloques temáticos: ‘A Palabra’, ‘A Rede’, ‘A Música’, ‘O Texto’ e ‘A Imaxe’ e se desenvolverá baixo o título “Shut Up!, Tais-Toi! Cállate! Cala! Calla! Pofa Be!”.