Na primeira sesión da comisión paralela de sanidade, celebrada hoxe no Parlamento galego á instancias da oposición, a portavoz nacionalista, Ana Pontón reiterou a afecto e condolencias do BNG a Xosé Manuel Pereira, portavoz da familia do doente falecido no PAC de A Estrada por falta de asistencia médica ao atoparse a única facultativa do Punto de Atención Continuada atendendo unha urxencia fora do centro.
A portavoz do BNG preguntou ao familiar de Manuel Brey se a familia recibiu algunha chamada do SERGAS despois do acontecido ao que o Xosé Manuel Pereira respondeu que ninguén se puxo en contacto coa familia, agás un responsable do CHUS informando que investigarían os feitos, pero, a día de hoxe, descoñecemos dixo, si foron investigados ou non.
Na comisión paralela na que compareceron Xosé Manuel Pereira, curmá de Manuel Brey falecido no PAC da Estrada, xunto á enfermeira da Plataforma PACs en pé de Guerra, Pilar Rodríguez Pérez e o médico tamén membro da plataforma, Emilio Díaz Sanisidro, a portavoz nacional do BNG afirmou que o Partido popular quere unha sanidade baseada en “criterios economicistas e non humanistas” e reiterou que a Comisión de investigación da sanidade é “unha comisión fraudulenta” na que o Partido popular “vetou as voces dos que sofren as consecuencias dos recortes”.
A portavoz do BNG, cualificou de “clarificadoras pero tamén moi duras” as intervencións dos comparecentes porque, ao seu xuízo, evidencian a “magnitude dos problemas da sanidade pública” a pesar dos intentos do Partido popular por ocultalos.
Esta comisión, dixo é o resultado “da fuxida cara adiante do Partido popular” que ademais pretende converter o parlamento nunha prolongación da posverdade para convencernos de que “non existe ningún problema na sanidade pública”.
O PP RECORTA NA PÚBLICA PARA ENGORDAR A SANIDADE PRIVADA
A nacionalista insistiu en que a porta de entrada da sanidade e a Atención primaria polo que debe ser reforzada como mellor medida para racionalizar o gasto público ademais de garantir a saúde das persoas. O dereito á saúde é un dereito fundamental e debe estar por riba de calquera tipo de criterio economicista.
Trala lectura dunha carta da filla do doente falecido no PAC de A Estrada polo portavoz da familia, Pontón asegurou que era “unha lección de dignidade” e debe significar “un basta xa” ás políticas do PP para que non se repita o acontecido con Manuel Brey.
A nós, dixo a portavoz do BNG, gustaríanos que estas comparecencias tiveran lugar na comisión de sanidade pero, unha vez máis, nesa comisión “non están as voces que deberían ser escoitadas”. O deterioro da sanidade, recalcou é produto dun programa de fondo para “recortar na sanidade pública e engordar a sanidade privada”.
Temos que frear este modelo porque, engadiu, empeora as condicións de vida das persoas. Si analizamos os orzamentos, explicou, comprobamos que os recortes dende o ano 2009 supuxeron un recorte acumulado en Atención primaria supera os 2.200 millóns de euros e este anos hai 200 millóns de euros menos en relación a unha década.
Por outra parte, Pontón tamén se referiu á precariedade laboral e lembrou que no ano 2012 existía unha importante bolsa de desemprego en persoal médico e enfermería. Esta situación e a falta de recursos provocaron a dimisión de 22 xefes de servizo da Área sanitaria de Vigo, “un feito sen precedentes na historia do sistema sanitario do Estado”, ao que sumou a folga do persoal das ambulancias e nos PACs e folgas nos servizos de urxencia.
A portavoz do BNG considerou que é necesario reforzar a sanidade e favorecer a volta dos profesionais que se viron obrigados a buscar traballo noutras comunidades ou empresas alleas á sanidade pública polo que pediu á Xunta que rectifique e abandone a estratexia de “enrocarse no vitimismo” que o único que evidencia é “a súa incapacidade” para resolver a situación.