A Xunta non destina recursos aos concellos para crear as franxas de seguridade contra os incendios

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón cualifica de insuficiente actuar en 20 concellos de cada provincia (4.000 Ha) cun orzamento de 8 millóns de euros sobre un monte galego que supera o millón de hectáreas

A portavoz nacional do BNG denunciou a irresponsabilidade da Xunta  ante un dos graves problemas ambientais de Galiza, os incendios e explicou que a  dez días de cumprirse o prazo establecido pola propia Xunta  para os traballos das franxas de protección para vivendas e infraestruturas,  os concellos contan “con cero euros”  que agrava aínda máis a súa asfixia económica.

Para a portavoz nacionalista,  a previsión da Xunta  en só vinte concellos de cada provincia cun orzamento de 8M€ sobre  4.000 hectáreas cando o monte galego conta con máis dun millóns 400 mil hectáreas resulta “insuficiente”. Ademais do “ridículo e escaso fondo” que destina para seguridade nos 5.000 quilómetros das estradas galegas.  

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, a portavoz do BNG cusou á Xunta de practicar “unha política forestal  pirómana” e denunciou que o descontrol de plantacións de eucalipto converten o monte galego “nun polvorín”. Por outra parte, dixo, hai que suma  outro importante  factor de risco, o cambio climático que afectará de maneira relevante a Galiza co  incremento de temperaturas e redución de chuvias acentuando o  nivel crítico de incendios.

A XUNTA SEGUE EN MODO “RELAXING CUP”

Para a nacionalista a Xunta segue sen tomar medidas tralas graves consecuencias dos incendios rexistrados en Galiza. A Xunta,  está “relaxing cup” e resulta alarmante comprobar que temos un goberno incapaz de tomar nota do que pasou. Os incendios, afirmou, son “un reto de país e o  Partido popular debe abandonar a relaxación no que está instalado”.

O PP, recalcou  non introduciu cambios trala vaga de lumes e as  dramáticas consecuencias. O Goberno da Xunta “non ten ideas  e Feixóo estivo enrocado na teoría do terrorismo incendiario, a pesar de que foi desmentido pola propia  Fiscalía   ”. Un ano máis, explicou “o PLADIGA preséntase tarde e mal e sen apostar por un novo dispositivo que supere o modelo fracasado do Partido popular”. A única proposta da Xunta e un borrador de política forestal que segue apostando por máis eucalipto e ENCE  marcando a  política do monte. A estás alturas, xa foron superadas as 230.000 de hectáreas  do  plan forestal de Galiza.

PROPOSTAS DO BNG

A medida máis  urxente, propuxo a nacionalista é   incrementar os recursos para as franxas de seguridade así como rapidez para poñelas en marcha antes de que comece o período de grave risco de incendios. Reformar o dispositivo enfocado cara un mando único e que o PLADIGA sexa operativo dende o primeiro trimestre do ano para iniciar os traballos de prevención antes da temporada de incendios.

No plano estrutural é necesario “un novo modelo de monte” que pase por unha moratoria do eucalipto recuperando, en primeiro lugar as 35 mil hectáreas  de plantacións ilegais. Temos que avanzar na concepción multifuncional do monte e contra o abandono do medio rural. Dende o  BNG seguiremos reclamando “un ordenamento do monte” cun estudo das zonas de plantacións e medidas operativas contra  a propagación dos incendios.

FEIXÓO RECOÑECE QUE INCUMPRE A LEI NAS SÚAS FINCAS

A  preguntas dos xornalistas sobre as afirmacións do presidente da Xunta recoñecendo que incumpría a lei de franxas de seguridade nas súas fincas , Pontón  asegurou que a primeira en dar exemplo debe ser a Xunta de Galiza. “Non seu cales son súas  propiedades  pero Feixóo  demostra  unha grande  irresponsabilidade que o deslexitima para esixirlle ao resto da cidadanía que cumpra coa lexislación. Aquí parece que hai temas nos que incumprir a  lei sae gratis e as declaracións do Presidente da Xunta anima aos galegos e galegas a non cumprir a lei”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG