Ana Pontón: “As vítimas e a sociedade galega teñen dereito a pasar a páxina de Angrois”
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz en Europa, Ana Miranda, participaron no acto de lembranza e reivindicación organizado pola Plataforma das vítimas do Alvia con motivo do sexto aniversario do sinistro, cunha marcha que arrancou na estación de tren de Santiago e terminou coa lectura dun manifesto na Praza do Obradoiro.
En nome da formación nacionalista, Pontón transmitiu “todo o respecto e toda a consideración ás familias e amizadas das vítimas porque é importante que sintan que teñen todo o noso alento e todo o noso apoio”, dun BNG que “desde o minuto cero estivo a súa disposición” para lograr a verdade, xustiza e reparación ante a que foi a maior traxedia ferroviaria en Galiza.
“Fixemos un traballo serio e rigoroso porque un accidente destas características non pode saldarse sen responsabilidades”, indicou Pontón, citando a acción política do Bloque tanto no Congreso, como Parlamento Galego e na Eurocámara, onde a eficaz labor da portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, deu un xiro de 180º a unha investigación que o Estado español quería pechar en falso, logrando da Comisión Europea un informe sen precedentes no que esixía ao Executivo central unha investigación independente da traxedia.
O que é inadmisible tanto para as vítimas como para a sociedade galega, subliñou, “é que no Congreso se abran comisións de investigación que non se queren pechar ou se queren pechar en falso, porque iso supón unha fraude ás vítimas tanto pola carga emocional como polo feito de que temos dereito a que cando viaxamos en tren o fagamos con todas as medidas de seguridade e sen que a nosa vida dependa dun fallo humano”, argumentou.
A líder nacionalista recalcou que o BNG vai estar sempre ao lado das vítimas que teñen dereito a poder pasar unha páxina “tan dura e tan triste”, pero para iso é preciso “verdade, xustiza, reparación e garantías de nunca máis un Angrois”, concluíu.