A candidata á Presidencia, Ana Pontón, elixiu a capital do país, Santiago, para presentar o seu goberno: as liñas estratéxicas de actuación política e avanzar a arquitectura institucional do Executivo galego que aspira a liderar a partir do 12X, para construír unha nova Galiza “viva no económico, xusta no social, forte no autogoberno e que ofreza futuro e oportunidades a todos os galegos e galegas”.
“Este 12 de xullo está en xogo o futuro e o BNG ofrece un goberno coas mans libres libres para defender Galiza, un goberno leal con este país e a coa súa xente, así de simple”, proclamou na súa comparecencia solemne na Alameda compostelá, onde expresou a súa disposición a liderar un Goberno capaz de converter a crise da COVID19 “nunha oportunidade para levar a cabo a imprescindible modernización da economía facendo valer as capacidades do país, porque non se trata de volver a atonía do pasado senón de dar un paso adiante”.
Pontón deixou claro como será o Executivo que quere presidir co apoio dos e das galegas: “será un goberno coas mans libres para executar un proxecto de modernización e reconstrución, un proxecto de cohesión e de garantía dos dereitos sociais para todas as persoas, será un goberno leal con Galiza”, insistiu.
As liñas estratéxicas da acción de goberno pivotarán sobre cinco eixos: económico, social, territorial e ambiental, o coñecemento desde a ciencia e a investigación e a cultura, autogoberno e marco institucional.
“No económico, o meu será un goberno centrado en poñer Galiza a producir para xerar riqueza e emprego, apostando por un novo modelo baseado na innovación, a economía verde e circular, a industrialización sostible e eficiente; un goberno motor da reactivación económica nas infraestruturas, no apoio á iniciativa privada e áxil no administrativo”.
“No social, será un goberno que poña as persoas no centro, que fará da igualdade unha prioridade e que garantirá que todas e todas teñan as súas necesidades básicas cubertas: saúde, coidados, acceso á vivenda e educación”, explicou.
O terceiro eixo de acción política do Goberno de Ana Pontón “atenderá ao territorio en sentido amplo: medio natural, medio urbano, medio rural, organización e ordenación territorio, potenciará a biodiversidade e combaterá o cambio climático e a emerxencia climática, desde un cambio de paradigma”.
O cuarto piar está na aposta polo coñecemento: a ciencia, a innovación e a cultura, “porque todos os países modernos e avanzados invisten en talento, coñecemento, en I+D+i. O goberno que quero liderar será o do coñecemento, da ciencia e da cultura”, recalcou.
E o quinto eixo está centrado no autogoberno e no marco institucional, promovendo unha relación co Estado “dialogante pero esixente para exercer todas competencias, para sacar adiante unha modernización lexislativa”, -tendo en conta que o actual Estatuto é de 1981-, e neste sentido, entre as primeiras decisións, abrir unha comisión bilateral co Estado e poñer en marcha unha ponencia parlamentaria a favor do autogoberno real. “Fortalecer o autogoberno para contar coas ferramentas que nos permitan mellorar a vida da xente deste país”, resaltou.
Acordo de país e intervención de ALCOA
Establecidos esas cinco liñas estratéxicas de acción de goberno, Pontón tamén avanzou parte da arquitectura institucional e concretou as primeiras medidas que adoptaría desde a Presidencia da Xunta.
A primeira da lista é liderar un gran acordo de país para a reactivación económica e social no que deben participar todos axentes económicos, os axentes políticos, concellos e ás universidades. A importancia deste acordo é tal que a líder do BNG avanzou a creación dunha Secretaría xeral para a reconstrución económica e social, que dependerá da Presidencia, “e que supervisarei directamente coa encomenda de dirixir de forma transversal toda a estratexia do goberno relacionada coa recuperación para saír da crise derivada da COVID19”.
Entre esas primeiras decisións, a intervención pública de ALCOA para garantir o mantemento do emprego e a produción estratéxica de aluminio primario, todo dentro dun plan para a recuperación industrial que formará parte da Estratexia de reindustrialización 2020-2030.
O futuro escríbese desde a ciencia e a innovación, por iso, formará parte das primeiras actuacións un plan de I+D+i vinculado a un novo modelo produtivo, que terá como obxectivo tamén recuperar talento emigrado na última década.
“Hoxe quero trasladar unha mensaxe de confianza no potencial do país, somos quen de erguernos desta crise e poñer en marcha un proceso modernizador confiando nas nosas propias forzas, somos capaces de facelo se a partir do 12X Galiza ten un goberno liderado polo BNG cunha muller presidenta se mais lealdade que servir ao pobo galego e abrir unha nova etapa de esperanza”, concluíu.