Ana Pontón cualifica de “lamentable” que PP e PSOE impidan un pleno extraordinario sobre o Marisquiño

Luís Bará e Ana Pontón

Criticou que PP e PSOE segan máis  interesados en tirar balóns fóra para non   asumir responsabilidades políticas e cualificou  de   “falta de respecto” impedir que a  cidadanía e persoas afectadas polo sinistro coñezan a verdade

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón lamentou que a Deputación permanente, celebrada hoxe no Parlamento galego, impedira cos votos do PP e PSdG, convocar “un pleno específico e extraordinario sobre o grave accidente do Marisquiño, a comparecencia do Presidente da Xunta para explicar o sinistro e unha comisión de investigación” para esclarecer a verdade. As  vítimas e as súas familias, recalcou Pontón, teñen “dereito a unha explicación veraz das causas do accidente e  en democracia, as persoas con cargos públicos deben  asumir as súas responsabilidades políticas”.

A nacionalista lembrou que as instalacións públicas derrubáronse provocando lesións a máis de 400 persoas e asegurou que alguén  “é responsable” do que aconteceu. “Estou absolutamente convencida, que se en vez de falar dunha zona portuaria de titularidade do Estado, falaramos dun local privado, a propietaria ou propietario  dese espazo, estaría na cadea.”

Para a nacionalista, convocar este pleno sería un exercicio de responsabilidade  e madurez democrática que axude a paliar o “triste e bochornoso espectáculo que levan dando PP e PSOE durante estes  días”.

Un Partido Popular e un Partido Socialista, engadiu  que desde o minuto cero, practicaron  “un pim pam pum grotesco”, e deixaron claro que están máis interesados en tirar balóns fóra,  que asumir con normalidade e humildade que hai fallos e  unha cadea de graves irresponsabilidades que deben ser asumidas e corrixidas”.

NO MARISQUIÑO NON HAI UN SÓ MAQUISTA A QUEN CULPABILIZAR

O problema que teñen no accidente do marisquiño, manifestou Pontón,  “é que non hai un único maquinista a quen culpabilizar de todo, porque aquí  hai varios maquinistas: “está quen organiza, quen financia, quen autoriza e está quen non supervisa, é dicir: Organización, Concello de Vigo, Autoridade Portuaria e Xunta de Galiza” polo que considerou que debe ser o Parlamento Galego o que  investigue o acontecido, depure responsabilidades e tome medidas para evitar no futuro outro accidente desta envergadura. 

CADEA DE IRRESPONSABILIDADES

O  Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria, “miran para outro lado”, a pesar de ser coñecedores do mal estado do espazo. A autoridade Portuaria concedeu o permiso de ocupación, permiso que segundo López Veiga compete ao risco e aventura da organización, o Concello de Vigo autorizou o evento e pola súa parte,  a Xunta denuncia a falta de rexistro do plan de autoprotección, sen embargo, puntualizou a portavoz do BNG, a Xunta non actuou no seu momento sobre un  documento “clave” para as  medidas de seguridade.

Non fagan desta Deputación permanente un novo “episodio lamentable” requiriu novamente a portavoz do BNG aos membros do PP e PSOE aos que reclamou asumir as súas responsabilidades. “Hai que investigar. E Feixóo, como máximo responsábel da Xunta ten que comparecer ademais  do responsábel de sanidade, para dar explicacións despois  das críticas por non reforzar suficientemente os medios sanitarios”.

FEIXÓO DEBE DAR A CARA NO PARLAMENTO

Se a maiores, engadiu a nacionalista, quere  comparecer o vicepresidente Alfonso Rueda, parécenos ben porque  hai moito que falar da súa Lei de espectáculos da que dicía o Partido popular  que ía mellorar controis e seguridade e xa vemos cal é o balanzo: “un gravísimo accidente que puxo en risco a miles de persoas” pero debe ser o máximo responsable da Xunta, Núñez Feixóo quen explique na Cámara galega o sinistro do Marisquiño.

Pontón concluíu a súa intervención enviando unha mensaxe de solidariedade e afecto ás vítimas ás que desexou  unha rápida  recuperación física, psíquica e emocional e trasladou unha mención especial  ao labor dos servizos sanitarios, de  emerxencia e á solidariedade veciñal. A portavoz do BNG  volveu a apelar á conciencia dos deputados e deputadas  do Partido popular e socialista para deixar ao un lado  “intereses partidistas” e votar favorablemente  polo  dereito das vítimas a coñecer a verdade.