Ana Pontón anima á veciñanza do Porto do Son a mudar o concello cun alcalde nacionalista á fronte
Destaca o traballo político do BNG durante anos para construír unha Galiza con máis futuro e confía nun cambio político no Porto do Son que fará posible o proxecto do cabeza de lista, Balbino González
A portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou hoxe, no acto de presentación do cabeza de lista do BNG ás eleccións municipais en Porto do Son, “que é necesario dar un cambio de rumbo político para facer posible o proxecto do candidato nacionalista, Balbino González” e mostrouse convencida que nas vindeiras eleccións os veciños e veciñas do Porto do Son apoiarán ese cambio.
Para Ana Pontón, Balbino González reúne todos os requisitos necesarios para dirixir o concello porque é “unha persoa con experiencia, con capacidade e implicado socialmente, ademais de coñecer moi ben o funcionamento do porto do Son pola súa vinculación profesional”
A líder nacionalista asegurou que o cabeza de lista do BNG conta coa enerxía necesaria e o proxecto de cambio que precisa este concello. “O Son necesita saír xa de esa especie de parálise no que se atopa dende os últimos anos e necesita transformase”, por iso, confiamos en Balbino González precisamente para cambiar o rumbo e iniciar a mellora no urbanismo, na calidade dos servizos públicos. Todos e todas sabedes, dixo, a portavoz nacionalista que estas son propostas fundamentais para o BNG, propostas nas que levamos tempo traballando e seguiremos na mesma liña nestas eleccións. No BNG, somos “xente competente, persoas nas que se pode confiar, persoas honradas porque o que nos move é construír unha Galiza mellor e con futuro dende os concellos.”
A portavoz do BNG lembrou que os concellos gobernados polo BNG teñen como principal característica unha política destinada aos veciños e veciñas, unha política para mellorar as condicións de vida dos seus habitantes. O BNG ten “os pes e o corazón” en Galiza, recalcou, e si queremos transformar Galiza debemos comezar polos concellos como primeiro chanzo. “Queremos concellos dinámicos e que o concello se converta nesa referencia como lugar habitable, cómodo, con servizos para os máis novos pero tamén para os maiores. Queremos concellos sostibles nos que os veciños e veciñas sempre ocupen un lugar prioritario fronte ao cemento ou a especulación. Concellos para vivir e sobre todo, persoas como Balbino González que gobernen pensando nas necesidades dos veciños e veciñas e isto vai a acontecer si confiades en Balbino, un home que leva demostrado durante anos a súa grande implicación con todos e todas vós”.
O acto de presentación do cabeza de lista do BNG ás eleccións municipais no Porto do Son, Balbino González, contou coa asistencia do alcalde de Mazaricos, Xoán Xosé Blanco e Rianxo, Adolfo Muíños que ao igual que a portavoz nacional, Ana Pontón, animaron aos veciños e veciñas a mudar o rumbo político e iniciar os cambios que tanto precisa Porto do Son.