Ana Miranda reafírmase en Arxentina como a voz galega da Eurocámara na loita antifascista

Ana Miranda e María Servini
Ana Miranda e María Servini

Ana Miranda participa en Bos Aires nas actividades organizadas pola Coordinadora Estatal da Querela Arxentina Contra o Franquismo

Ana Miranda, membro do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, mantén o seu compromiso coa loita antifascista tras as eleccións europeas do pasado 26 de maio. Así, participa nas actividades organizadas en Bos Aires pola Coordinadora Estatal da Querela Arxentina contra o franquismo (CEAQUA), despois da citación realizada pola xuíza Servini a varias vítimas do franquismo para que presten declaración esta semana na capital arxentina.

“Seguiremos sendo a voz antifascista galega na Eurocámara”, subliña Miranda, quen como coautora da Resolución do Parlamento Europeo sobre o avance do neofascismo en Europa -aprobada o 25 de outubro de 2018-, considera imprescindible manter aberta a causa contra o franquismo no eido internacional, pois "fronte ao avance da extrema dereita debemos organizar frontes de resistencia democrática".

A eurodeputada galega mantivo o pasado mes de marzo un encontro coa xuíza arxentina instrutora da denominada "Querela arxentina contra o franquismo", única causa aberta no mundo aos crimes do franquismo por delitos de lesa humanidade. A raíz daquela visita, a xuíza María Servini citou a comparecer ao ministro franquista Rodolfo Martin Villa. “O fin da impunidade dos responsables dos crimes cometidos nas ditaduras é unha conta pendente das democracias coas vítimas e non deixaremos de traballar para conseguilo”, destacou ao respecto.

Reunións previstas

No programa de actividades previstas figuran a entrevista co Premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel, o encontro con Nora de Cortiñas, Presidenta de "Madres de Plaza de Mayo – Línea Fundadora”, así como unha xuntanza coa Plataforma arxentina da Querela. Xa o mércores 5 de xuño, ás 14 horas, celebrarase a entrevista coa xuíza Servini así como unha rolda de prensa posterior na sede da Asociación de Avogados de Bos Aires.

A coñecida como “Querela Arxentina”, na súa orixe céntrase no caso de Darío Rivas, un nonaxenario que residía en Arxentina desde os años trinta do pasado século cuxo pai, alcalde socialista da localidade lucense de Castro de Rei, morreu en 1936 fusilado a mans de pistoleiros da Falange Española. Rivas, en representación da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e xunto a outros familiares, personouse o 14 de abril de 2010 nos Xulgados de Bos Aires en busca de xustiza. A investigacións iniciada pola xuíza Servini, baseándose no principio de xurisdición universal e no argumento de que os crimes que recolle a querela son de lesa humanidade e non prescriben, ditou unha orde internacional de detención contra catro torturadores da ditadura.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG