Ana Miranda esixe que Blanco e Pastor asuman as súas responsabilidades políticas
A eurodeputada do BNG acusa ao exministro socialista e á actual presidenta do Congreso de incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria
Tras a comparecencia esta tarde do exministro de Fomento, José Blanco, e da exministra de Transportes, Ana Pastor, na Comisión do Alvia no Congreso, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, esixe que asuman as súas responsabilidades políticas polo incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria. Precisamente esta tarde participou na concentración que organizou a Plataforma das Víctimas do Alvia ás portas do Congreso para amosarlles o seu apoio e solidariedade.
“É lamentable que despois da apertura de procedemento infracción contra o Estado por parte da Comisión Europea Blanco no asuma as súas responsabilidades”, salienta Ana Miranda, quen se pregunta se a “interpretación torticera” que mencionou Blanco na súa intervención refírese á decisión da Comisión Europea. “Parece que o exministro do PSOE non se enterou de que a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra España e ten que insultar a unha eurodeputada que loitou porque se saiba a verdade do accidente”, subliña.
A eurodeputada nacionalista destaca que esta apertura foille confirmada mediante comunicación oficial remitida pola Directora Xeral de Mobilidade e Transporte, Elisabeth Werner, quen no seu escrito afirma que a Comisión comezou “formalmente o procedemento de infracción por incumprimento contra España ao considerar que os procedementos de seguridade en España non cumpren os requirimentos da lexislación europea en materia de seguridade ferroviaria”.
Deficiencias na análise das causas
Para a Comisión Europea “hai deficiencias na análise das causas profundas dos accidentes e incidentes investigados polo órgano investigador nacional, na avaliación correcta de riscos e na supervisión dos sistemas de xestión de seguridade, así como na aplicación obrigatoria das técnicas de supervisión dos sistemas de xestión de seguridade, así como na aplicación obrigatoria das técnicas de supervisión por parte da autoridade nacional de seguridade”.
“O exministro socialista non só non se enterou da apertura do procedemento de infracción, senón que tamén amosa unha terrible covardía política ao negar a súa responsabilidade na desconexión do ERTMS na liña Ourense-Santiago, no enclavamento de Angrois”, explica Ana Miranda, en referencia a intervención de Blanco, quen descargou toda a responsabilidade nos técnicos. “Como é posible que o máximo responsable de Fomento negue ser precisamente o responsable das decisións tomadas desde o ministerio?”, indica Miranda.
A respecto da comparecencia da exministra Ana Pastor, o BNG denuncia que non tomara a decisión de leva a cabo unha investigación independente do accidente, tal como esixiu a Comisaria de Transporte da UE.
O inicio deste procedemento dá resposta á denuncia presentada pola eurodeputada nacionalista contra o Estado Español (Goberno, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Ferrocarrís, ADIF e Renfe Operadora) o 7 de xullo de 2017, xusto un ano despois de que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) entregara á Asociación de Vítimas do Alvia 04155 e ao BNG o informe que cuestiona a independencia da investigación realizada pola CIAF. No documento, o BNG denunciaba ao Estado por infracción da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria, en canto a avaliación de riscos da liña 082 pola que circulaba o tren Alvia.
Ampliación da causa xudicial
Ana Miranda defende que a ampliación da apertura de xuízo e que non se limite ao maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, e contra quen no seu momento foi director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. “É evidente que ademais de responsabilidades técnicas na desconexión do sistema de seguridade tamén existen responsabilidades políticas, máis alá da que se lle pode botar a Cortabitarte por desconectar o sistema de control da velocidade dos Alvia un ano antes do accidente”, salienta.