O BNG manifesta a solidariedade con EH Bildu e defende o dereito de Otegi a ser candidato

otegiO BNG manifesta a solidariedade coa coalición independentista basca EH Bildu e co seu candidato á Lehendakaritza, Arnaldo Otegi, diante do acordo adoptado hoxe pola Xunta Electoral de Gipuzkoa que resolve a súa inelexibidade como candidato, tal e como solicitaba a fiscalía da Audiencia Nacional. Hai que lembrar que esta decisión é tomada como consecuencia do caso Bateragune, que xa representou seis anos e medio de prisión para o líder da esquerda abertzale, paradoxalmente por tentar construír unha solución política, democrática e pacífica ao conflito basco e con ausencia de violencia política, tal e como sempre reclamou o BNG.

O BNG defende o respecto aos dereitos fundamentais de expresión política, ao sufraxio activo e pasivo, e por tanto reclama que todas as propostas políticas e candidatos teñan a oportunidade de comparecer nas eleccións de 25 de setembro. Dado que a xurisprudencia previa avala a posición de Otegi é claro que esta inhabilitación está lonxe de ser unha cuestión meramente legal, senón que entra de cheo no debate político e na obscena relación que existe no Estado Español entre poder político, económico e xudicial. Tal e como tamén manifestamos no caso do proceso independentista catalán, o Estado manexa ao seu antollo, con diversos graos de interferencia segundo a conxuntura, un sistema xudicial que naceu de forma ilexítima e que non se desenvolveu nunca de maneira neutral nin independente, co poder xudicial e o Tribunal Constitucional en mans dunha maxistratura reaccionaria, nalgúns casos activamente militante do PP, e unha Fiscalía ás ordes do goberno de Mariano Rajoy.

Esta inhabilitación enmárcase nunha longa traxectoria de medidas de recortes de dereitos e liberdades, que só aplican o discurso e a axenda da dereita española, na que se sitúan iniciativas como a Lei de Partidos e as consecuentes ilegalizacións de distintas formacións, a Lei Mordaza, as detencións e procesos por delitos de opinión, a conspiración do ministro de Interior contra as formacións independentistas, etc...

Impedir a participación de Otegi é tanto como negar a democracia. Mais tamén é verdade que con esa decisión o Estado evidencia que ten medo do avance do soberanismo e que o voto ao nacionalismo é o que realmente lles preocupa. Por iso o BNG reafirma o seu compromiso en defensa de todas as liberdades, da democracia, da soberanía da Galiza e do dereito dos pobos a escoller libremente o seu destino.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG