Galegas 2016

Pontón na Quintana: "Somos a GZ que non se rende e temos un proxecto de país para derrotar a Feijóo"

Ana Pontón, mitin do Día da Patria na Praza da Quintana

15.000 persoas encheron a Praza da Quintana na manifestación nacional do BNG que a portavoz nacional e candidata a Presidencia da Xunta, Ana Pontón, denominou emocianada “praza da dignidade”, porque recolle á Galiza “que non baixa os brazos” e que se define orgullo de ser nacionalista.

“Somos a Galiza que non se rende, que non baixa os brazos, e imos coller da man ás desafiuzadas, ás paradas, ás precarias, aos emigrados. Temos que devolverlle a esperanza aos galegos e galegas que pensan que xa non merece a pena seguir, coller da man a todas esas persoas e dicirlles que imos saír adiante. Temos que tender a man e unir a todas as galegas e galegos na defensa dun proxecto de país con futuro”, salientou Pontón.

A dirixente do Bloque evidenciou na súa intervención a proximidade dos comicios galegos, e fixo un chamamento para traballar desde agora para derrotar a Feijóo e rachar coa dependencia, -”derrotar a dereita si, máis non chega”-, o que só é posible cun proxecto nacionalista sen sucursalismos.

“Este outono temos unha cita importante: as eleccións galegas. E pídovos que traballemos desde xa para encher as urnas de votos ao BNG para derrotar a Feijóo e darlle un cambio a este país”, salientou.

“E para cambiar Galiza, -continuou-, precisamos un proxecto nacionalista, non un corta e pega escrito desde Ferraz ou desde a Complutense. Un proxecto baseado no autogoberno, que entenda que a capacidade real de decidir é a chave para construír un país moderno, de progreso e de benestar. Un proxecto capaz de converter Galiza nunha Dinamarca. O BNG ten ese proxecto, e con el imos derrotar a Feijóo nas eleccións galegas de outubro!”, proclamou.

Feijóo, presidente antigalego

Contundente na súa balance dos gobernos Feijóo, Pontón cualificou ao presidente do PPdeG, de antigalego e de ser “o estafador maior do Reino”.

“Foi o liquidador da caixas galegas e triplicou a débeda pública. É o presidente do paro, das privatizacións e do incremento das desigualdades. É un presidente antigalego, o primeiro despois de Franco en lexislar contra a nosa lingua. É o presidente cómplice da estafa da Ap-9! É o presidente amigo de Marcial Dorado e Patxi Lucas”.

Con esta folla de servizos, Pontón conclúe que Feijóo “non ten a dignidade necesaria para ser presidente de Galiza e serán os galegos e as galegas quen llo digan nas urnas”.

Man tendida a todos e todas as nacionalistas

A portavoz nacional recoñeceu “que non son momentos fáciles”, pero tamén recalcou a capacidade de “autocrítica” para “erguerse dos tropezos” e a necesidade de ter forzas propias.

“Sei ben que estamos nun momento complexo, que require confianza e unidade, capacidade para recoñecer erros e man tendida a todas e todos os nacionalistas. Mais as dificultades non quitan razóns. Cada día que pasa teño máis convencemento de que precisamos forzas políticas propias. Porque sen pobo autoorganizado non hai proceso de autodeterminación”, alegou Pontón.

Neste sentido, a candidata á Presidencia advertiu contra o centralismo de sempre, que representa o bipartidismo. “Na súa versión carca ou na súa versión guai, nada teñen que ofrecernos. Porque o bipartidismo español é un vello coñecido noso, e aínda que se vista de seda, bipartidismo se queda”, ironizou, “e non nos representa”.

Bipartidismo centralista

“Non me representan os que insultan a dignidade das vítimas de Angrois, e a todo o pobo galego elixindo a Ana Pastor como presidenta do Congreso”, criticou, “e tampouco me representan os que durante meses dicían que o importante era unirse para derrotar ao PP e cando o tiñan derrotado antepuxeron os seus intereses partidistas e os eus egos e fortaleceron á dereita”.

Pontón fixo un recoñecemento expreso do traballo do Grupo Parlamentario, con especial mención ao portavoz na Cámara, Francisco Jorquera, dos centos de concelleiros, dos alcaldes e das alcaldesas, da militancia de base e das simpatizantes: “Seguimos construíndo nación orgullosas de ser do BNG”. “Entre todos e todas imos devolver este país ao seu lexítimo dono: o pobo galego”, concluíu.

Alberte Mera, secretario de organización de Galiza Nova, salientou no seu discurso o convencemento de que a mocidade galega aproveitará as eleccións de outubro para "devolverlle a Feijóo todas as maletas que tiveron que facer para marchar a emigración pola falta de oportunidades no noso país". Tamén interviron David Pichel, do PCPG, e Segundo González, da FOG.

Entre as delegacións convidadas, representantes de ERC, CUP,  Bloc Nacionalista Valenciá-Compromís, MES per Mallorca, PNV, EH-Bildu. Tamén delegacións da Unión Democrática Bretona, Plaid Cymru de Gales, Bloco de Esquerdas e PCP, Frente Popular de Liberación Palestina, Frente Polisario, Partido Occitano, Chunta Aragonesista, Izquierda Castellana, entre outros.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG