Deixar atrás os recortes de Feijóo e duplicar os fondos de apoio ao libro e á lectura en galego

Ana Pontón co director da Editorial Xerais, Manuel Bragado

O BNG considera estratéxico o sector editorial tanto pola proxección da lingua e da creación literaria en galego en todo o mundo, como pola súa capacidade para xerar emprego e fomentar a cohesión social a través da cultura, e así llo transmitiu a portavoz nacional, Ana Pontón, ao director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, na visita a sede da empresa.

Ana Pontón e Manuel Caride co director da Editorial Xerais, Manuel Bragado

Pese a importancia deste sector, Pontón advertiu dos recortes orzamentarios e do incumprimento da normativa en vigor ao longo dos sete anos de Goberno Feijóo.

“Nos últimos anos houbo unha política que socavou as posibilidades de desenvolvemento do noso sector editorial e desaproveitou o compromiso deste sector co país, pese ao seu potencial económico e de creación de emprego nun momento de crise”, salientou a dirixente nacionalista.

En concreto, puxo sobre a mesa o “incumprimento clamoroso” da Lei do libro e da lectura, “metida nun caixón sen ningún tipo de desenvolvemento prexudicando ao sector do libro e limitando o acceso á cultura”, pese a ser unha lexislación aprobada por consenso mentres que, en paralelo, se aplican normativas como o chamado Decreto do plurilingüismo, con efectos calamitosos para o idioma do país e para a industria do libro.

Neste sentido, Pontón trasladou a Bragado as principais propostas do Bloque. En primeiro lugar, cumprir e desenvolver a Lei do libro e da lectura, en segundo lugar, duplicar o investimento para fomentar a publicación e a tradución de libros en galego e, como terceira cuestión, aumentar os fondos destinados a adquisición de obras no noso idioma por parte das bibliotecas públicas de todo o país.

Ana Pontón e Manuel Caride co director da Editorial Xerais, Manuel Bragado

“Ten que haber un apoio desde as Administracións á edición de libros en galego, superando o recorte de máis do 50% dos últimos anos, apoio á compra de libros por parte das bibliotecas públicas duplicando os fondos adicados a este fin e evitar que se reduzan a meros contenedors por falta de recursos económicos e de persal, senón que deben ser centros culturais e dinamizadores da lingua e da cultura”, explicou Pontón.

A dirixente do Bloque parabenizou a toda a equipa da Editorial Xerais que lidera Manuel Bragado, pola “extraordinaria” labor a favor da lingua e da cultura do país, “que nos visibiliza no mundo ademais de ser un elemento de cohesión moi grande”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG