Galegas 2016

As medidas de inclusión social de persoas con discapaciade, claves no programa electoral do BNG

Ana Pontón e Rubén Cela durante a visita a COGAMI

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que a inclusión social será “cuestión fundamental” na elaboración do programa electoral do BNG de cara ás eleccións galegas, e así o trasladou na reunión celebrada coa directiva da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI, que lidera Anxo Queiruga, na que tamén participou o portavoz municipal en Santiago, Rubén Cela.

“A inclusión ten que ser un obxectivo transversal que abarque a todo o goberno”, indicou Pontón, ao tempo que pedía dar “un paso de xigante que non é outro que facer que as leis teñan eficacia e non se limiten a estar publicadas no DOG, como pasa coa normativa de accesibilidade onde se levan anos de lexislación mentres se seguen a construír edificios con barreiras arquitectónicas”, subliñou Pontón.

A tamén deputada salientou que o Bloque “aspira a que os servizos públicos no ámbito dos servizos sociais teñan o mesmo despregue que no seu momento tivo o servizo sanitario, e esta é unha débeda que temos como país coas persoas con discapacidade, imprescindible para ter un estado de benestar pleno”, sintetizou.

A clave? O financiamento

O Bloque aposta por medidas estruturais para unha mellora substancial da atención social, en particular a modificación do actual modelo de financiamento autonómico, ao que se engade o déficit de recursos para sufragar a chamada Lei de dependencia.

“Temos uns servizos públicos infrafinanciados mentres o Estado fai caixa co 30% dos recursos que recada en Galiza vía impostos, cando sería máis lóxico que eses recursos se transferiran ao goberno galego para financiar servizos á discapacidade”, indicou Pontón, quen tamén alertou contra a “privatización” deste tipo de prestacións sociais.

Perspectiva de xénero

Pontón fixo fincapé na perspectiva de xénero á hora de abordar a situación das persoas con discapacidade, e recolle a proposta dos colectivos que integra COGAMI para elaborar un plan de igualdade de xénero para as mulleres con discapacidade e evitar que padezan unha dobre discriminación social, “que fai que teñan moitas máis barreiras que superar”.

A cuestión do emprego tamén foi abordada na xuntanza como elemento de integración social. Neste punto, dúas propostas: compromiso para reservar emprego público destinado para este colectivo social pero tamén que a Xunta actúe como motor de creación de emprego para persoas discapacitadas en todos aqueles servizos que subcontrate co sector privado.

Discriminación no rural

“Ter un emprego é un clave para a integración e para o desenvolvemento persoal e vital, e moitas veces as barreiras están na visión paternalista que se proxecta sobre as persoas con discapacidades”, indicou Pontón, tras apostar pola “superación de prexuízos e superar as barreiras non só físicas, senón tamén sociais e mentais”.

Finalmente, o BNG súmase á demanda de COGAMI para acadar unha rede de servizos públicos que teña unha prestación homoxénea en todo o país, que acabe coa discriminación que sofren as persoas con discapacidade que viven no rural.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG