Tereixa Paz : “ O PLADIGA persiste nun modelo contra incendios fracasado"

Tereixa Paz

A nacionalista recalcou que a día de hoxe Galiza non está preparada para facer fronte a temporada de máximo risco de incendios

Tereixa Paz

Pleno.- A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz interpelou á conselleira de Medio Rural, Anxeles Vázquez sobre a situación dos traballadores e traballadoras de SEAGA e a política de prevención contra os incendios forestais.

Tras saudar aos traballadores e traballadoras de SEAGA presentes no debate dende a tribuna de convidados, a deputada do BNG explicou que estamos a dous días de que comece a temporada de risco de incendios e unha vez máis, a “improvisación” é a tónica da consellería de Medio Rural.

Hai poucas semanas,dixo, fíxose público o Plan Pladiga para o 2016 que poderiamos resumir de tres maneiras, como “un corte e pega de plans anteriores, é acientífico ao afirmar que se reducirían os incendios nun 8% sen base para facer esa estimación e por último é unha gran mentira”. Sobre este estremo, a deputada afirmou que non aparece a prevención por ningún lado pero tendo en conta que é aprobado no mes de xuño non nos estraña, “xa que a prevención tería que estar feita antes do mes de maio”.

Traballadores e traballadoras de SEAGA

Profesionais que traballan 3 meses ao ano

A parlamentaria recalcou que aos traballadores e traballadoras de SEAGA non lles podemos pedir máis, que “sexan os máis formados, con máis capacidade e os que mellor coñecen o territorio” para logo estar a disposición da Xunta todo o ano “traballar tres meses cun pouco de sorte”. Neste sentido, Tereixa Paz lembrou que acaba de saír unha sentenza da demanda presentado polos traballadores de SEAGA xa que nin sequera están contratados todo o tempo que dura a encomenda de xestión e o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza “dálles a razón aos traballadores e traballadoras”.

Menos incendios, máis cartos gastados e maior superficie queimada é un fracaso

 Todos os anos, explicou a a nacionalista, repiten o mantra de que hai 7.000 persoas traballando no monte cando resulta que se analizamos o Plan Pladiga, a Xunta inclúe nesa cifra prazas sen cubrir, vacantes, e medios aéreos que este ano non van a realizar ningún labor. O Pladiga “é mentira” porque reflicte bases de helicópteros que non van funcionar así como a relación de zonas de alto risco forestal sen que nesas zonas se incrementara a prevención e a dotación para loitar contra os incendios forestais.

Tereixa Paz

Tereixa Paz afirmou que o máis grave do Pladiga para o ano 2016 é que persiste nun modelo de prevención e loita contra incendios “fracasado”.

Na réplica, a deputada criticou a intervención da conselleira por dubidar de que exista unha nova tipoloxía de incendios, e iso, dixo, Tereixa Paz, “debía ser motivo de dimisión” porque os incendios en Galiza están cambiando e vostedes seguen desmantelando todo, son “uns irresponsábeis” e convidou a titular de Medio Rural a visitar a calquera distrito e preguntar se hai ou non unha nova tipoloxía de incendios forestais, “ pregúntelles se iso non obrigaría ao goberno a reorientar a súa política forestal”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG