O BNG demanda "un marco propio" de relacións laborais e negociación colectiva

A deputada defendeu a necesidade dun marco galego para mellorar as condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras galegas

Intervención da deputada do BNG, Montse Prado

 Pleno.- A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu hoxe, a través dunha proposición non de lei, establecer un marco “propio” de relacións laborais e negociación colectiva que conleve convenios sectoriais, provinciais e autonómicos que prevalezan “sobre os convenios de empresa e estatais”.

 A deputada tamén reclamou que os convenios sectoriais manteñan a consideración de convenio básico para que ningún convenio de empresa poda establecer condicións inferiores determinadas polo convenio sectorial de referencia e que o Parlamento galego acorde apoiar as iniciativas sindicais que contribúan a facer viable este pronunciamento.

Marco galego de relacións laborais para mellorar as condicións laborais e salariais das persoas traballadoras galegas

No BNG, dixo, concordamos coa posición da CIG porque “ o noso futuro non pode estar en mans do Banco central europeo nin no Fondo Monetario Internacional ou a Comisión europea”. A Banca alemá , engadiu, “non pode ditar as normas para beneficiarse en detrimento dos traballadores e traballadoras galegas”. O noso futuro debemos definilo nós, e este Parlamento como máxima expresión de soberanía debe apoiar “o marco galego de relacións laborais”.

Por outra parte, a deputada criticou as diferentes reformas laborais das que dixo, “trouxeron temporalidade, precariedade e que os traballadores e traballadoras galegas traballen máis horas por menos salarios”. Dende o punto de vista social as reformas laborais representaron “un retroceso” nos dereitos sociais e un aumento das desigualdades e de pobreza.

Montse Prado

 As reformas laborais, explicou a nacionalista, serviron para crear un enorme exercito de reserva para usalo de “chantaxe” para todas as persoas desempregadas e para que os manteñen o emprego “asuman condicións peores”. Unhas reformas laborais que provocaron efectos devastadores nos traballadores e traballadoras en Galiza polo que reivindicou “un marco galego de relacións laborais e negociación colectiva” para superar esta realidade.

As reformas laborais dinamitaron as negociacións colectivas

A parlamentaria explicou que a negociación colectiva é imprescindible para que os traballadores e traballadoras melloren as condicións laborais e as reformas laborais aplicadas polos diferentes gobernos no estado “dinamitaron estas negociacións”, priorizazon os convenios estatais, privatizaron empresas e deixaron a clase traballadora moito máis desprotexida. É necesario un marco galego de relacións laborais para garantir os dereitos laborais e sindicais dos traballadores e traballadoras, impulsar unhas condicións “laborais e salariais dignas” e desenvolver a negociación colectiva baixo unha perspectiva galega.

 Pola súa parte, a portavoz do partido popular, Cristina Fernández Romero anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG