Ana Miranda asegura que o goberno español presiona para que non se faga público o informe do Alvia

A representante do BNG en Bruxelas destacou que Fomento non quere que o documento se publique antes das eleccións “polas responsabilidades que se poden derivar”

Ana Pontón e Ana Miranda, portavoz nacional e portavoz en Bruxelas

“A decisión da Unión Europea tomada onte de aplazar a transmisión do informe sobre o Alvia ata o 7 de xullo débese ás presións do Goberno español, en concreto do Ministerio de Fomento”. Así de clara foi hoxe a representante do BNG en Bruxelas e candidata ao Congreso o vindeiro 26X, Ana Miranda, quen sinalou que o Executivo español está facendo unha presión “moi forte” en Bruxelas para que o informe non se publique antes das eleccións. Segundo dixo, este “pode derivar responsabilidades moi grandes” porque “estamos convencidos de que cuestionará a independencia da comisión de accidentes ferroviarios”. “Con este informe pode haber un cambio no propio xuízo”, salientou.

Miranda lamentou “moito que a comisión volva facer unha prórroga para respostar e facer público o informe” e indicou que “seguiremos insistindo” para que haxa total transparencia e o documento se incorpore ao xuízo. Lembrou que o novo estudo da Comisión Europea sobre o accidente do Alvia foi redactado a raíz da visita da Plataforma de Vítimas ao Parlamento Europeo en novembro de 2015, unha visita tivo lugar a instancias do BNG.

Entón, os nacionalistas galegos reuníranse co director xeral responsable da seguridade ferroviaria, Olivier Onidi, e da Axencia Ferroviaria Europea. Estes detectaran elementos descoñecidos que implicaron a realización dun informe complementario aos redactados anteriormente. Segundo a interpretación da  representante do BNG en Bruxelas, a Comisión apreciou “falta de independencia” por parte do organismo verificador polo feito de que os órganos que examinan os accidentes fosen nomeados polo Ministerio de Fomento, tamén parte.

Ana Miranda salientou que as imputacións deben estenderse a responsables políticos e non só ao maquinista: “hai unha serie de responsabilidades políticas que non se tomaron e se se aporta ao xuízo o relatorio da Comisión en relación á faltla de independencia do organismo verificador, ou se este relatorio advirte dalgún indicio ao respeito, é posible que mude o curso do proceso e que se amplíen as responsabilidades políticas”.

Segundo indicou a nacionalista representante de Galiza en Bruxelas, hai constancia extraoficial de que o documento está redactado dende os meses de marzo ou abril, “polo que o feito de que haxa unha nova prórroga para a súa publicación non demostra máis que as presións que se fan dende o Goberno español”, subliñou. Miranda comprometeuse a seguir solicitando o coñecemento público do texto e manifestou a súa intención de viaxar a Bruxelas coa Plataforma logo da publicación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG