A Fundación Galiza Sempre, promovida polo BNG, aprobou unha renovación do seu padroado, que inclúe o nomeamento de Francisco Jorquera como presidente tomando o relevo de Guillerme Vázquez. Igualmente, Ana Miranda pasa a ocupar a responsabilidade de vicepresidenta.
Forman parte do renovado padroado Obdulia Diniz, Montserrat Prado Cores, Xosé Luís Rivas, Mini e Xosé Emilio Vicente Caneda, e continúan Bieito Lobeira, Uxío Breogán Diéguez, María do Carme García Negro e Néstor Rego.
A fundación creada en 1999 desenvolve dúas liñas de actuación prioritarias: unha, dirixida á promoción do pensamento socioeconómico, político e cultural de Galiza, e outra adicada á preservación e difusión da memoria histórica de Galiza e especificamente do nacionalismo galego.
No ámbito do pensamento, a Fundación Galiza Sempre distingue distingue tres eixos temáticos: as nacións sen estado, a crítica do neoliberalismo, a desigualdade e a exclusión e social e, en terceiro lugar, as políticas públicas alternativas no ámbito do feminismo, a cultura, a participación cidadá ou as transformacións sociais asociadas ao autogoberno.
Na procura dunha nova cultura política asentada na diversidade, a fundación estende o seu campo de acción alén de Galiza, mantendo relacións con entidades do País Basco, Catalunya e Portugal, e participando activamente en redes europeas ou no Foro Social Mundial. Integrada no Centre Maurits Coppieters, Galiza Sempre tamén é co-fundadora da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos canda organizacións doutras nacións sen estado e movementos indixenistas.