Miranda: "A Comisión Europea quedouse sen escusas para seguir agochando o informe de Angrois"

A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, volveu esixir á Comisión Europea a entrega inmediata do informe sobre o accidente, máxime despois de que hoxe mesmo o Executivo da UE comunicase o peche do procedimento de infración aberto contra España que utilizaba como escusa para manter oculto o documento.

Ana Miranda acompañou aos representantes das vítimas do accidente de Angrois na entrega de sinaturas ante a UE

Miranda fixo esta reclamación depois de acompañar aos representantes da Plataforma Vítimas do Alvia 04155 na entrega de 260.000 sinaturas ante a sede das institucións comunitarias en Madrid, para esixir a difusión dun informe que pode dar un xiro á investigación xudicial e política do sinistro.

Un informe, lembra, que foi elaborado pola Axencia de Seguridade Ferroviaria Europea precisamente despois da visita do pasado 17 de novembro a Bruxelas organizada polo BNG, que puxo en contacto aos representantes da plataforma cos máximos responsables comunitarios en materia de seguridade ferroviaria.

O Bloque solicitou ese informe ante a Comisión Europea e reclama que se faga público: “Agora xa non pode esgrimir a excusa de que non pode entregar o informe porque existe un procedemento de infracción aberto contra o Estado español, como alegaba o Executivo da UE”, recalca Miranda.

Un procedemento aberto ante un posible incumprimento da normativa europea en materia de seguridade ferroviaria, precisamente pola falta de independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF).

Miranda atribúe a falta de transparencia da Comisión a presións internas: “É evidente que hai unha forte presión do Goberno español para que ese informe non se desclasifique, porque de facerse público pode ter consecuencias legais, máis despois da reapertura pola Audiencia Provincial da Coruña da investigación”, alega.

Neste sentido, o Bloque considera que o Estado “non fixo os deberes que lle sinalaba a directiva europa de 2004 de Seguridade Ferroviaria, no que afecta á debida independencia do organismo investigador de accidentes ferroviarios”. “Eso debe corrixirse e para iso está o procedimento de infración aberto por Bruxelas, pero en ningún caso debe servir para agochar o informe xa elaborado”, indicou.

A portavoz nacionalista en Bruxelas deixo claro que o BNG “non vai parar” no seu empeño de difusión do informe, “por transparencia, para evitar futuros accidentes e porque ten un interese público xeral” afirmou Ana Miranda, quen tamén solicitou unha segunda entrevista co director de Seguridade Ferroviaria da Comisión Europea, Olivier Onidi.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG