Acabouse o caciquismo na Deputación de Pontevedra

O Bloque reivindica cun acto político o traballo da equipa de goberno nacionalista, que “abriu ás porta” e puxo a institución ao servizo da maioría social

DEPU-18A portavoz nacional, Ana Pontón, participou nun acto político organizado polo BNG ante a sede da Deputación de Pontevedra para reivindicar o traballo dos deputados e deputadas provinciais nacionalistas, tras a campaña de acoso dos últimos días en forma de pintadas ameazantes, que o Bloque atribúe ao seu empeño en erradicar o caciquismo de décadas do PP e levar a democracia a esta institución.

“Quero, en nome do BNG, parabenizar aos compañeiros e compañeiras Cesar Mosquera, Eva Villaverde, Uxío Benítez e Xosé Leal por abrir as portas e ventás da deputación e facer que nos sintamos orgullosos e orgullosas do labor que están facendo”, salientou a dirixente nacionalista.

Nun acto que contou coa presenza de alcaldes, alcaldesas, cargos municipais, responsables políticos, militantes e simpatizantes de toda a comarca, Pontón lanzou unha mensaxe a Feijóo: o BNG non se “arruga” ante ameazas e vai desterrar o caciquismo da Deputación de Pontevedra.

“Queremos dicir dúas cousas moi claras. A primeira é que non nos van a calar nin a intimidar, que o BNG non se vai arrugar por moitas prácticas mafiosas que se fagan. Y en segundo lugar, que acabamos co caciquismo na Deputación de Pontevedra péselle a quen lle pese, péselle ao PP, a Rueda ou a Feijóo. Para iso serve o labor do BNG nas institucións”, recalcou.

Tras un ano de co goberno co PSdG, a institución deixou de estar “ao servizo do PP” para converterse nunha entidade “que trata por igual a todos os veciños e veciñas e a todos os concellos”, ao tempo que se “democratizou” o seu funcionamento. “Demostramos que o Bloque cando goberna faino a favor do interese xeral e non para manter os privilexios e as previndas dunha minoría”, explicou Pontón, e neste contexto se explica a campaña contra os deputados nacionalistas.

DEPU-20“Sabemos que levar adiante este tipo de políticas en custes, pero no Bloque estamos en política para transformar a realidade, para dar a cara a favor da maioría deste país e para erradicar o caciquismo que saca proveito da situación de necesidade que sofren moitas persoas. Este acto é un símbolo de transformación e do fin do caciquismo do PP na Deputación de Pontevedra”, concluíu Pontón.

No acto de reivindicación e apoio ao traballo do BNG na Deputación, o cabeza de lista por Pontevedra ás eleccións do 26X, Luís Bará, e o vicepresidente da entidade, Cesar Mosquera, coincidiron en subliñar que ninguén vai frear unha maneira de gobernar para a maioría social e en detrimento dos privilexios dunha minoría, por moito que se instigue desde o PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG