“As pragas da pobreza e o despoboamento levan camiño de converter a Ourense nun auténtico deserto”

Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, cualifica a situación do país de “emerxencia nacional” e apela a aqueles que apostan porque Galiza “volva a ter unha voz propia” que sexa quen de determinar as políticas do Estado.

Diego Lourenzo, tenente alcalde de Verín, Raquel Vázquez, militante do BNG, e Francisco García, alcalde de Allariz, completan a lista ao Congreso que volve a encabezar Noa Presas.

FOTO CANDIDATURA BNG OURENSE con Ana Ponton“O BNG-Nós Candidatura Galega enfronta esta campaña electoral co firme compromiso de mudar a realidade da provincia porque non podemos esperar outros seis meses nin outros seis anos”, dixo esta mañá Noa Presas, número un da candidatura ao Congreso na presentación das listas do BNG por Ourense para os comicios do 26 de xuño. Acompaña pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e polos membros das listas, Presas advertiu das “pragas de miseria, pobreza e despoboamento salvaxe que levan camiño de converter a Ourense nun autentico deserto.

Ana Pontón abundou nesta cuestión recordando que os datos sobre pobreza “son alarmantes e deixan ao descuberto o fracaso do modelo de Feijoó e Rajoy e das políticas da austeridade”, e cualificou a situación como de “emerxencia nacional”.

Pontón apelou a todos aqueles “que queren apostar porque Galiza volva a ter unha voz propia que sen dependencias de ningún partido estatal defenda os intereses dos galegos e galegas” para recuperar entre todos “a voz que durante vinte anos mirou por nós e conseguiu cousas moi positivas cando tivo a oportunidade de determinar a política do Estado”.

O acto celebrouse no Claustro de San Francisco, na cidade de Ourense, un espazo que segundo Noa Presas, é “unha metáfora do que ven sucedendo en Ourense e mesmo da perda de tempo á que estivemos sometidas nos últimos meses. Este recinto estivo pechado durante máis de dez anos froito do desinterese por esta cidade e por este país das forzas que foron a Madrid a representarnos”.

Diego Lourenzo, tenente alcalde de Verín e número dous da lista ao Congreso do BNG, subliñou que o obxectivo “é levar outra vez a voz do país ao Congreso dos Deputados a través dunha candidatura forte, plural e representativa da provincia”, e engadiu que outros tiveron a súa oportunidade e “agora é a nosa quenda”. Tamén estiveron presentes no acto Francisco García, alcalde de Allariz e número catro da lista ao Congreso, e o concelleiro do BNG en Ribadavia, Xacobe Rodríguez, número un ao Senado, entre outros membros das listas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG