Ana Miranda trasladará a grave situación de pobreza e exclusión social en Galiza á Comisión da UE

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda afirma que os estándares de pobreza e exclusión social de Galiza son graves e non melloran polo que demanda aplicar políticas de impacto contra esta situación

Ana Miranda

O BNG, a través da súa portavoz en Europa, Ana Miranda, solicita unha entrevista coa Comisaria de Asuntos Sociais e Emprego para transmitirlle a grave situación de pobreza e exclusión de Galiza.

Despois de seren onte publicados os “preocupantes datos do INE”, que confirman o aumento do risco de pobreza, exclusión e desigualdade social en Galiza, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda trasladou á Comisión Europea esta grave situación. A mesma Comisión xa advertiu no seu Informe sobre o Estado español 2016 que examina a Estratexia 2020, que non había datos alentadores, por iso o BNG, manifesta a nacionalista, presentou unha iniciativa dirixida ao executivo comunitario na que alerta sobre o que está a acontecer, en particular, dentro da mocidade onde de cada tres mozos e mozos están en situación precaria, “con e sen emprego”.

Ademais, Ana Miranda presentou unha solicitude de entrevista coa Comisaria de Emprego e Asuntos Sociais, Marianne Thyssen á que asistirá acompañada dunha delegación de representantes sociais, sindicais e organizacións da mocidade.

“Os estándares de pobreza e exclusión social de Galiza son graves porque non melloraron e por iso deben ser aplicadas políticas de impacto contra esta situación, que provoca desigualdade e emigración”. Queremos, avanza Ana Miranda, explicarllo directamente á Comisaria europea de Emprego e Asuntos social a través da delegación co fin de que coñeza de primeira man a situación real “por quen a está a padecer día a día". Ana Miranda lembrou que os fondos europeos nesta etapa de programación 2014-2020, debían destinarse a combater o risco de exclusión e pobreza pero comprobamos, como os Gobernos galego e español “non os empregaron axeitadamente” xa que de facelo, afirma Ana Miranda, os indicadores serían máis positivos e baixos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG