Aprobadas ás candidaturas de BNG-NÓS para as xerais do 26X, que lideran Callón, Rodil, Presas e Bará

O Consello Nacional do BNG aprobou por unanimidade as candidaturas para as eleccións do 26X ás que concorrerá baixo a coalición BNG-Nós Candidatura Galega, recuperando as siglas propias e, ao mesmo tempo, continuando co traballo de suma con outras forzas e persoas independentes que apostan por darlle a Galiza unha alternativa electoral “ca cabeza e co corazón no país”.

Carlos Callón, Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará lideran as candidaturas de BNG- NÓS

En definición da portavoz nacional, Ana Pontón, é unha candidatura “que suma a todas as persoas que pensamos que Galiza precisa forzas políticas que nos defendan, que creemos que somos un pobo que precisa alternativas propias”, ao tempo que agradeceu “o esforzo, traballo e ilusión” das persoas que conforma a coalición electoral.

Tras o fracaso das autodenominadas forzas do cambio para dar unha alternativa ao goberno de Rajoy, BNG-Nós afronta a cita electoral como unha oportunidade para que Galiza recupere “a voz perdida”, -indicou Pontón-, e desde o convencemento de que “hai miles de persoas cansas e decepcionadas destes meses de paripé político sen aportar solución algunha aos problemas dos galegos e galegas, literalmente “desaparecidos”.

Neste sentido, o cabeza de lista pola Coruña, Carlos Callón, convidada a constatar na páxina web do Congreso ata que punto Galiza quedou muda, e se preguntaba se os deputados e deputadas electas merecen o salario que cobran.

“Sorprende tanta nugalla”, salientou Callón, que cualificou de “vergoñento” que os e as congresistas do PP, PSOE e En Marea “non chegasen a presentar nin unha iniciativa propia á semana”. “É iso ético? Está ben conseguido o salario que cobraron ao longo destes meses, e que seguirán percibindo ata que haxa novas cortes, pagarlle a quen non presentou iniciativas sobre problemas básicos do país?”, cuestionaba mentres convidaba a comparar co inxente traballo do BNG no Congreso.

Carlos Callón, Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará lideran as candidaturas de BNG- NÓS

Callón subliñou que os candidatos e candidatas nacionalistas non van a Madrid “a dicir si bwuana, imos traballar polo país e pór o noso grao de area para que haxa un goberno que teña o corazón á esquerda e a cabeza en Galiza”.

A número un por Lugo, Olalla Rodil, puxo en valor “a forza que nos da” o apoio dos máis de 10.000 avais electorais recollidos en tempo record, indicativo do “desexo” de que a formación nacionalista volva ao Congreso superando “os atrancos” da lexislación electoral aprobada polo PP. “Con esa forza encaramos esta campaña”, subliñou.

Para Noa Presas, que lidera a lista por Ourense, estes meses de inacción confirman que BNG-Nós “é a única alternativa capaz de defender os intereses da xente moza deste país”, e lamentou que nin PSOE nin Podemos aproveitasen a minoría do PP para derogar a reforma laboral “e adoptar medidas para facilitar a volta da mocidade emigrada”. “Somos garantía de que xente do común do noso país vai ter quen a defenda sen condicionamento algún”, alegou.

Luís Bará, que encabeza a candidatura por Pontevedra, puxo en valor “a total confianza no noso país, que ten un enorme potencial, e imos traballar para desenvolver ese potencial con orgullo e dignidade”. E fixo fincapé que, nun escenario sen maiorías absolutas, “a representación do BNG en Madrid pode ser decisiva para condicionar o goberno do Estado e orientalo a favor de Galiza”. “Con iso reto afrontamos esta campaña electoral”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG