Pontón:"A moción en Pontecesures é unha cacicada de Rueda, a súa carta de presentación na provincia"

Ana Pontón traslada o apoio do BNG a Cecila Tarela, ante a moción de censura do PP en Pontecesures

Ana Pontón traslada o apoio do BNG a Cecila Tarela, ante a moción de censura do PP en Pontecesures

A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou o total apoio do BNG á alcaldesa de Pontecesures, Cecilia Tarela, en vésperas da moción de censura instigada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras ser elixido presidente do PP en Pontevedra.

“A moción de censura en Pontecesures é unha cacicada do señor Rueda, a súa carta de presentación na provincia como presidente do PP en Pontevedra, el é o artífice dunha moción de censura para apartar do goberno a unha alcaldesa traballadora, honrada e decente, e impoñer os intereses do Partido Popular usando os vellos modos caciquís de sempre”, denunciou Pontón, tras o encontro coa rexedora, que tamén contou coa presenza de Goretti Sanmartín e Noa Presas, da executiva nacional.

O Bloque considera que Rueda está a tempo de rectificar en aras da “decencia política e da democracia”. “Reclamamos ao PP, e moi especialmente ao señor Rueda, que paren esta cacicada que pon os seus intereses por riba dos intereses dos veciños e veciñas de Pontecesures”, ao tempo que lamentou a “falta de escrúpulos” do dirixente popular capaz de “pasar por riba” da decisión nas urnas da veciñanza.

Ana Pontón traslada o apoio do BNG a Cecila Tarela, ante a moción de censura do PP en Pontecesures

“No BNG entendemos que en política non vale todo, é necesario que haxa decencia e que haxa respecto polo que vota á cidadanía”, subliñou a portavoz nacionalista, para quen o PP poderá ganar a moción de censura, “pero a cambio de que perda Pontecesures, e de que perda unha alcaldesa honesta que está traballando en beneficio da maioría, que será substituído por un goberno ao servizo dunha minoría”.

A actual rexedora, Cecilia Tarela, fixo un chamamento á veciñanza do concello para que exprese o seu rexeitamento a moción do PP. “Convidamos a todos os veciños e veciñas a que veñan ao pleno do luns para deixar claro coa súa presenza que non están de acordo co que se vai consumar”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG