Adán “Feijóo calcula eleccións mentres perde 8.000 M€ no sistema de Financiamento"

A viceportavoz Carme Adán adiantou que na vindeira sesión plenaria, o BNG preguntará ao presidente polo modelo de financiamento das CC.AA que fixo perder a Galiza 8.000 M€ en cinco anos e 50.000 postos de traballo industrial en 7 anos

Carme Adán comparece ante os medios de comunicación trala Xunta de portavoces

A viceportavoz do BNG, Carme Adán compareceu hoxe ante os medios de comunicación para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Portavoces motivo de debate na vindeira sesión plenaria.

Adán anunciou que o BNG preguntará a Núñez Feijóo polo modelo de financiamento, un modelo dixo que provocou a perda de “8.000 millóns de euros en cinco anos e a perda de 50.000 postos de traballo industrial en 7 anos”.

Para a viceportavoz do BNG, “Feijóo dedicase a facer cálculos electorais pero non se preocupa dun modelo de financiamento que prexudica gravemente a Galiza”.

Por outra parte avanzou que o BNG tamén defenderá unha proposición non de lei contra as revalidas no ensino das que dixo, “os profesores e profesoras xa avalían ao alumnado e os nenos e nenas non precisan someterse a outra avaliación”. Este sistema, recalcou, “fainos retrotraernos a outras épocas ás que non queremos volver”.C.Adán Xunta de portavoces 2

Asemade, o BNG interpelará ao goberno sobre a situación do idioma galego.Para o BNG, apuntou Adán, o 17 de Maio, “Día das letras galegas non é un ritual”, nós queremos ir máis alá e poñer de relevo a situación real de discriminación que vive o noso idioma no ensino, na xustiza e noutros ámbitos”

Finalmente, a viceportavoz nacionalista tamén aludiu ás preguntas que formulará o BNG ao goberno entre as que destacou: As previsións da Xunta para impedir o despedimento de traballadores e traballadoras da empresa LINORSA, adxudicataria do servizo de limpeza en numerosos centros públicos, e ao Borrador do decreto para a igualdade das persoas LGBTI.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG