O BNG reclama á UE a difusión dun informe cuxo contido pode mudar o resultado xudicial do caso Alvia

Ana Pontón e Ana Miranda, portavoz nacional e portavoz en Bruxelas

Ana Pontón e Ana Miranda, portavoz nacional e portavoz en Bruxelas

O BNG desvelou ante os medios de comunicación que a Comisión Europea abriu en 2012 un procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento da Directiva 2004/49/ de Seguridade Ferroviaria, ao entender que Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), que investigou o sinistro do Alvia, vulnera o principio de independencia que establece taxativamente o artigo 21 desta directiva.

O procedemento de infracción aberto pola UE un ano antes da traxedia de Angrois súmase ás denuncias feitas polas vítimas e polo Bloque que, desde o inicio, cuestionaron a independencia da CIAF ao considerar que era “xuíz e parte” e “viciaba” unha investigación deseñada á medida dos intereses de Adif, Renfe e Fomento.

Precisamente, froito da visita dunha delegación da asociación de vítimas organizada polo Bloque en novembro de 2015 a Bruxelas, a Comisión Europea comprometeuse a elaborar un informe a petición dos e das afectadas e da formación nacionalista. O BNG acaba de reclamarlle ao goberno da UE a difusión dese informe, e vai pedir que o Parlamento galego faga a mesma reclamación.

“Ese informe pode mudar o curso da investigación xudicial e o curso das responsabilidades políticas”, salientou a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda.

“Hai un procedemento de infracción aberto contra o Estado español desde 2012 cuestionando a independencia da CIAF, en 2013 hai un tráxico accidente que se investiga con esa CIAF cuestionada por falta de independencia, e hoxe temos un informe da Comisión Europea que se oculta ás vítimas, que o BNG reclama e que pode dar unha volta á investigación do caso Alvia, porque se ese informe confirma que non existiu independencia o procedemento queda cuestionado”, resumiu Miranda.

Ana Pontón e Ana Miranda, portavoz nacional e portavoz en Bruxelas

A portavoz nacional, Ana Pontón, xa anunciou que vai levar este asunto ao Parlamento para que a Cámara galega reclame tamén á Comisión ese informe. “É necesario unha comisión que depure responsabilidades políticas e, desde logo, facer as modificacións oportunas para que a CIAF sexa independente”, subliñou.

Pontón considera que estes novos datos confirman que “hai vicios de legalidade no fondo e na forma na investigación e nos informes auto exculpatorios elaborados polo Ministerio de Fomento, con repercusión non só desde o punto de vista político senón tamén no proceso xudicial por falta de imparcialidade”.

Pontón deixou claro que o Bloque “vai estar coas vítimas ata o final” coas que existe unha débeda moral. “Merecen xustiza e está só pode erixirse sobre a verdade e a fin da impunidade, polo que imos usar toda a presión política e social para que haxa unha comisión de investigación imparcial. É a mellor homenaxe que lle podemos dar ás vítimas”, concluíu.

Miranda explicou que antes de fin de mes o BNG vai recibir resposta da Comisión en relación a difusión do informe e lembrou tamén que está previsto debater en breve na Comisión de Peticións da Eurocámara o accidente de Agrois, en base a dúas denuncias presentadas polos afectados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG