O BNG acusa ao goberno de crear unha praza "Ad hoc" na Escola de Restauración

O deputado do BNG, Cosme Pombo denunciou a inclusión na listaxe de vacantes para o Concurso xeral de traslados entre o persoal funcionario docente do 2016 dunha praza na especialidade de Conservación e Restauración de Documento gráfico

Cosme Pombo

O parlamentario do BNG, Cosme Pombo afirmou que a especialidade non se impartía na Escola Superior de Conservación nin foi solicitada polo centro nin a inspección educativa, polo que pediu a súa exclusión da listaxe de vacantes para o Concurso de traslados.

O deputado lembrou que a adxudicación da vacante causou grande sorpresa, tanto na Dirección como no profesorado da Escola e o sindicato maioritario CIG-Ensino. Para o parlamentario “as prácticas corruptas non son admisibles” e nesta ocasión, a provisión desta praza, tampouco conta con xustificación académica.

Pola súa parte o secretario xeral, Jesús Oitaben xustificou a creación da praza e afirmou que “existe transparencia” no proceso de convocatoria ao que o parlamentario respondeu que segue sorprendendo a creación “ad hoc” da praza para unha persoa que xa figuraba nas listas de interinos en Galiza, a pesar de “estar destinada fora” pero parece que o “goberno ten a manga ancha” e a destinataria da praza “está moi ben relacionada con altos cargos da Xunta”. Agora aparece unha praza que non existía, explicou o nacionalista que afirmou non tentar restar capacidade ao goberno de planificar pero resulta sorprendente o cúmulo de casualidades neste asunto.

Por moito que vostede diga aquí que hai transparencia e claridade, “toda a comunidade educativa di todo o contrario”, recalcou e reiterou que agora hai unha praza que non existía, circunstancia que cualificou de “irregular” polo que volveu a pedir a anulación da devandita praza na listaxe de vacantes para o Concurso Xeral de Traslados na Escola Superior de Conservación e Restauración.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG