Adán cuestiona a idoneidade dos Centros de Información ás mulleres para atender a persoas LGBTI

A deputada do BNG tamén se interesou pola formación do persoal que vai a atender ás persoas LGBTI, os recursos económicos destinados a Centros de Información ás Mulleres, e a razón de asumir o concepto de mulleres en situación de vulnerabilidade como criterio para subvencionar os CIMs

Intervención da deputada, Carme Adán

 A parlamentaria do BNG, Carme Adán, formulou hoxe unha pregunta ao goberno, na Comisión de Sanidade e Política Social, relativa á atención de Lesbianas, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais,(LGBTI), nos Centros de Información ás mulleres.

 Na súa intervención, Adán explicou que na actualidade os CIMs para acceder ás subvencións deben atender a mulleres en situación de vulnerabilidade social pero non computan as mulleres anónimas ou as chamadas. A raíz da última convocatoria comezouse a falar da modificación do Decreto que regula os CIM eliminando o anonimato e asumindo os centros tamén a atención ás persoas LGTBI, circunstancia que para a  deputada do BNG resulta unha “chapuza”, con consecuencias para as persoas usuarias e “saturación de traballo para as profesionais”.

 Adán preguntou que persoal atenderá na orientación e apoio ás persoas LGBTI, con que formación e con que recursos económicos porque na súa opinión “hai unha mestura” entre o traballo para abordar o traballo específico coas mulleres vítimas de violencia de xénero ou especial vulnerabilidade e ás cuestións máis especificas das persoas LGBTI relacionadas coa homofobia e a discriminación.

Carme Adán

A Xunta defende a atención de persoas LGBTI nos Centros de Información á Mulleres

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella respondeu á nacionalista que hai que separar a Orde de subvencións e o futuro Decreto. As subvencións teñen por obxecto implementar programas e atención ás mulleres, non só empadroadas no concello no que existe o centro, “queremos apoiar os centros na erradicación da violencia de xénero e ás mulleres en risco de exclusión”.Por outra parte, engadiu, as subvencións increméntanse cada ano e lembrou que os CIMs son de titularidade municipal. Os 80 centros recibiron subvencións e anunciou unha convocatoria de axudas para as persoas LGBTI.

Na loita contra todo tipo de discriminación, os CIMs, dixo a titular de Igualdade, contemplan a atención e apoio ás persoas LGBT e os CIMs son “un recurso moi axeitado” para este cometido.

Na réplica, Carme Adán discrepou da secretaria xeral e rexeitou que os CIMs sexan os centros idóneos para atender a persoas LGBTI porque as profesionais carecen de formación especifica e recursos. Para a deputada, o futuro Decreto de atención ás persoas LGBTI resulta “un engadido” e unha maneira de facer política a “espasmos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG