Cosme Pombo: " O plan de financiamento universitario 2016-2020 suporá reconversión e privatización"

O deputado Cosme Pombo cualificou de “insuficiente” o financiamento para o sistema universitario galego 2016-2020 presentado hoxe polo conselleiro porque  segue no camiño dos recortes

Cosme Pombo

Pleno.-Tras a comparecencia do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez para presentar o Plan de financiamento do sistema universitario galego 2016-2020, o deputado do BNG, Cosme Pombo afirmou que representa “unha auténtica reconversión e privatización da universidade galega" con máis recortes de profesorado e alumnado e que só poderán acceder a ela os que conten con recursos económicos e non teñan que depender das bolsas “cuasi inexistentes”.

O deputado criticou que o novo Plan 2016-2020 manteña un investimento do 0,7% de inversión PIB cando o anterior conselleiro anunciaba o 1,1. O investimento, afirmou “é a metade da metade do que Europa inviste nas universidades”.

Do ano 2009 ao ano 2015, o goberno do PP recortou 86 millóns de euros e no pasado mes de abril constabamos que as universidades de Compostela, Vigo e Coruña perdían 22 millóns de euros, ademais de non investir nin o 0,8 por cen do PIB de Galiza cando a media no Estado situábase no 1,4 por cento.

O deputado aludiu ás previsións “falsas” anunciadas polo goberno nos anteriores plans de financiamento universitario, a realidade, dixo, traduciuse no despido de máis de 600 profesores, 6.000 titulados universitarios menos, perda de máis de 5.000 alumnos e 1.277 investigadores menos.

 Cosme Pombo

O novo plan contempla 2.069 M€, “practicamente o mesmo que o anterior” xa que o 18% de aumento anunciado polo conselleiro é a previsión de financiamento que debe captar a universidade, á marxe do plan.

O nacionalista tamén criticou que o novo financiamento universitario non poderá facer fronte a novas infraestruturas das universidades porque, explicou, “non todas naceron ao mesmo tempo nin contan cos mesmos recursos”.

O deputado defendeu para o novo Plan 2016-2020, formulas para poder escoitar as opinións e achegas da comunidade universitaria galega e dos seus órganos de goberno antes da aprobación do plan pero lamentou que non fora posible a pesar de que o conselleiro defenda “a transparencia e o diálogo construtivo”.

Cosme Pombo considerou “insuficiente” o financiamento universitario polo que reclamou incrementalo no 1,1 do PIB no primeiro ano como prometeu o propio conselleiro e aumentar o financiamento como están a facer as universidades en Europa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG