Contra a violencia machista, plan de medidas urxentes e salario da liberdade operativo todo ano

Centos de mulleres asasinadas vítimas de terrorismo machista, miles de denuncias por violencia de xénero, miles de axudas económicas solicitadas para romper a convivencia co agresor son datos que constatan a magnitude dunha realidade que debería ser abordada como “prioridade de Estado”.

Carme Adan durante unha intervención no Parlamento galego

Así o reclamou a portavoz de Igualdade, Carme Adán, durante a defensa dunha iniciativa parlamentaria do BNG para reclamar a redacción no prazo dun mes dun plan de medidas urxentes que recolla orzamentos e medios humanos para afrontar as carencias máis perentorias expostas na propia Cámara por todos os colectivos, institucións e persoas que traballan coas vítimas, e que foron expostas na Comisión parlamentaria de Igualdade.

“Un plan urxente, sinxelo, curto, dotado de orzamentos e de medios humanos para loitar contra a violencia machista desde a prevención ata o acompañamento médico, legal e laboral”, indicou Adán. “Temos por diante o reto de dotar de medios materiais e humanos a loita contra a violencia de xénero”, recalcou.

Ademais da posta en marcha inmediata dese plan, Adán propuxo que as axudas económicas ás mulleres maltratadas, -o denominado salario da liberdade-, estea dispoñible para as vítimas ao longo de todo o ano, de xeito similar a prestación da renda contra a exclusión social do Risga.

De novo, o Bloque insistiu tamén en incluír no ordenamento xurídico o concepto de feminicidio para o tratamento integral da violencia e xénero, “algo fundamental sobre o que aínda non hai consenso”, lamentou Adán, quen tamén reclamou que todo o persoal da administración de xustiza “conte coa formación necesaria en violencia de xénero tanto desde a perspectiva legal, social e psicolóxica”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG