BNG, contra unha Lei do Solo que perpetúa Ence na Ría e retrocede na protección do territorio

O BNG mantén o seu voto en contra da Lei do Solo impulsada “en solitario” polo PP porque supón “unha versión empeorada da actual lexislación de 2002 en termos medio ambientais, sociais e económicos”, e ven confirmar que o urbanismo en Galiza “está falecido ou na UCI”, en palabras da deputada Ana Pontón.

“O PP representa un urbanismo mutante con continuados cambios lexislativos que implican inseguridade xurídica, un urbanismo que non pensa no futuro, nin protexe o territorio, nin garante usos sociais do solo prevendo vivenda protexida ou servizos públicos”, argumentou Pontón na súa intervención de defensa da posición do Bloque.

Ana Pontón intervén nunha sesión plenaria do Parlamento galego

A proposta lexislativa do PP “nace morta” posto que propón reformas mesmo antes da súa entrada en vigor, cando o 75% dos concellos galegos non chegaron a adaptar o seu planeamento á actual Lei do Solo, coa suposta pretensión de dar saída aos problemas xerados pola suspensión do PXOM de Vigo.

“Que hai detrás da emenda que propón o PP, -interpelaba a deputada-, xa que exclúe a participación social, non recolle estudo de impacto medio ambiental e responsabiliza aos concellos dos procesos de expropiación con independencia de quen sexa o beneficiario da mesma”, argumentou.

Pontón denuncia a “falsificación” do debate arredor das consecuencias da suspensión do PXOM de Vigo e explica a dobre proposta do BNG para facilitar a ampliación de Citroën: aplicar a Lei de Solo en vigor que permite a declaración de supramunicipal para proxectos de interese xeral, suposto no que entraría a ampliación da planta viguesa ou, en todo caso, incorporar unha disposición ad-hoc no texto en tramitación.

O Bloque tamén foi claro na defensa da emenda para solicitar a derogación do proxecto sectorial pensado para consolidar ENCE na Ría de Pontevedra, pese a contar con sentenza contraria do TSXG, que permite á Xunta prorrogar a continuidade da pasteira “saltándose a legalidade”, pois os terreos no que se localiza non contan coa cualificación de solo industrial”. “Unha cacicada máis no PP”, sentenciou a deputada nacionalista na Cámara.

Paso atrás

Ana Pontón afondou nos argumentos do BNG para votar en contra do Proxecto de Lei do Solo que, sintetizou, “é un paso atrás” e recupera “o espírito liberalizador” da normativa urbanística aprobada no mandato de Aznar “que foi nefasta en termos sociais, ambientais e territoriais”.

Elimínanse a zona de 200 metros de protección da costa, desprotexese o solo de explotación agraria, persisten os erros en materia de monten en man común, suprímese a prohibición de recualificar terreo rústico a urbano tras sufrir un lume favorecendo a especulación do solo, non promove a protección e rehabilitación do territorio, nin aposta por cidades compactas pensadas para a calidade de vida das persoas.

“O BNG defende un urbanismo ao servizo do país e da maioría social”, sintetizou Pontón, para explicar o voto en contra da Grupo nacionalista ao Proxecto de Lei de Solo do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG