A Xunta adica máis recursos a soster a Cidade da Cultura que a conservar todo o patrimonio cultural

Imaxe do Dolmen de Dombate,no Concello de Cabana de Bergantiños

O BNG denuncia a pretensión do PP de substituír a actual Lei de Patrimonio aprobada por consenso por outra que só aporta “confusión e desprotección” e que ten como “gran novidade” a descentralización de competencias cara os concellos sen antes dotalos de medios humanos e recursos económicos.

No debate parlamentario sobre o Proxecto de lei de Patrimonio remitido pola Xunta, a portavoz parlamentaria de Cultura, Ana Pontón, chamou a atención sobre a “difícil” situación do patrimonio cultural galego debido a unha lexislación que se incumpre e a uns orzamentos que tachou de “ridículos” en relación ás necesidades reais.

Imaxe do Dolmen de Dombate,no Concello de Cabana de Bergantiños

Neste sentido, a deputada esgrimiu como proba da falta de compromiso do PP co patrimonio do país os minguantes orzamentos adicados a súa preservación e difusión.

“A Xunta destina menos de 8 millóns de euros a investimento real do patrimonio cultural, cifra inferior aos 9 millóns de euros que adica a manter a cidade da cultura, o que supón un incremento do 30% fronte ao descenso do 42% experimentado polo orzamento para patrimonio desde 2009”, explicou a deputada.

Pontón foi especialmente crítica coa pretensión de pasar a responsabilidade da preservación patrimonial á administración local.

“Dinnos que no medio dunha crise económica, sen recursos e sen medios, a gran novidade lexislativa é a descentralización cara os concello, dando a entender que facelo desde a Xunta é pouco menos que dar as costas á cidadanía e actuar con paternalismo”, alegou a parlamentaria, quen cualificou de “disparate” tal argumentación do PP para xustificar a nova proposta normativa.

Para o Bloque, o Proxecto de lei de patrimonio provoca maior desprotección do patrimonio “con conceptos que van xerar mais confusión”, -como a creación de ata tres rexistros sen relación algunha entre eles-, baleira a Xunta de competencias nesta materia, carece dunha estratexia de participación social na xestión do patrimonio, mantén os privilexios da Igrexa e non resolve como tratar e exhibir os bens arqueolóxicos.

“Este proxecto de lei é un salto ao baleiro de última hora co que pretenden tapar a desfeita en materia de patrimonio”, concluíu Pontón na defensa da emenda á totalidade do BNG que foi rexeitada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG